Universidad de Salamanca
Universidade fundada en 1218 polo rei Afonso IX coa categoría de Estudio General do seu reino, o que manifesta a diversidade do seu ensino, a súa característica non privada e a validez dos seus títulos. O verdadeiro impulso veu de Afonso X o Sabio, que lle outorgou o estatuto en 1254, coñecido como a Carta Magna del Estudio Salmantino que establece as normas de organización e dotación financeiras; e do Papa Alexandre IV cuxas bulas pontificias expedidas en 1255 confirman a fundación universitaria, recoñecen a validez universal dos graos por ela outorgados e concédenlle o privilexio de ter selo propio. Na Idade Media tivo cinco facultades oficiais: Canons, Leis, Teoloxía, Medicina e Artes-Filosofía e ensinos complementarios de Humanidades, Linguas, Matemáticas e Música. Tivo o seu maior esplendor no s XVI xa que a confluencia de Dereito, a Teoloxía tomista, as novas lóxicas e as linguas clásicas cristalizaron na chamada Escuela de Salamanca. Das súas achegas destaca a reflexión práctica sobre problemas derivados da expansión europea, a colonización e a transculturación americana como a natureza do poder e da xustiza, os dereitos da persoa e do estado, a comunidade internacional, os conflitos internacionais e a guerra xusta. A partir do s XVII comezou un lento declive. Tras a lei Moyano de 1857 quedou reducida ás facultades de Dereito e Filosofía e Letras, pero a finais do s XX consolidouse o seu renacer.