Fingoi, Colexio
Centro de educación privado e laico que foi fundado no ano 1950 por Antonio Fernández López co obxectivo de desenvolver no medio urbano os principios educativos que viña mantendo na Escola Agrícola da Granxa de Barreiros (Ortoá, 1948). A. Fernández aplicou no Colexio Fingoi un modelo integral para achegar os nenos ao cotián e á realidade máis próximas, así como achegarlles o desenvolvemento da cultura galega, afrontando o ensino primario e secundario no medio urbano. Na época do franquismo, converteuse nun dos espacios educativos onde se levaron a cabo prácticas pedagóxicas baixo a inspiración da escola nova. Daquela época foi un dos seus directores Ricardo Carballo Calero. O modelo educativo que se segue atende todos os aspectos da personalidade do alumno para conseguir o seu óptimo desenvolvemento; así, baséase na coeducación, en conexión directa co librepensamento, e no ensino científico, interdisciplinar e bilingüe coa finalidade de capacitar o alumnado para a vida a través da adquisición dunha formación integral sustentada na liberdade e na creatividade. O proxecto educativo ten como referencia as liñas pedagóxicas da Institución Libre de Enseñanza (ILE), fundada por Francisco Giner de los Ríos, baseadas na forxa do carácter e na educación da sensibilidade artística, e os movementos de renovación pedagóxica de Célestin Freinet, é dicir, unha escola aberta á vida, o respecto ao neno, a organización cooperativa da clase, a pedagoxía que potencia a expresión libre e oral, a autonomía e a consciencia da propia identidade.