Fischer, convención de
Convenio mediante o que se debuxan os átomos de carbono tetraédricos e os seus substituíntes en dúas dimensións, de maneira que as valencias do átomo de carbono se dirixen cara a atrás (liña de puntos), mentres que as valencias dos outros substituíntes se dirixen cara a adiante (liña grosa). Con este método a molécula debúxase en forma de cruz, co átomo central no punto de intersección. Cómpre que a función máis oxidada permaneza na parte superior da fórmula proxectada. A convención de Fischer establece un criterio para representar diversas configuracións nun plano. Estas fórmulas de proxección de Fischer non representan fórmulas planas, senón que son a representación plana dunha fórmula tridimensional. Só son válidas no plano no que se proxectaron, é dicir, non se poden levantar dese plano. Un intercambio de dous grupos substituíntes entre eles produce unha inversión da configuración, é dicir, o enantiómero, mentres que dous intercambios dan unha forma coa mesma configuración.