fosa

fosa

(< lat fossa)

    1. s f

      Cavidade fonda que se escava na terra.

      Ex: Cavaron unha fosa no medio do xardín para facer o estanque.

      Sinónimos: foxa, foso.
    2. s f

      Cavidade que se fai na terra para enterrar os mortos.

      Ex: Nesa fosa está enterrado meu curmán.

      Sinónimos: buraca, burata, cova, furada.
    3. fosa común

      Lugar que se utiliza para enterrar os mortos que non teñen nicho ou terreo de seu.

    4. fosa séptica [CONSTR]

      Fosa pequena situada baixo terra que serve como déposito das augas fecais para que fermenten e se convertan en líquido antes de chegar ao pozo negro ou ao sumidoiro.

  1. [ANAT]
    1. s f

      Cavidade do corpo dun animal que ten unha entrada máis ampla ca o fondo da mesma.

    2. fosa nasal

      Cada unha das dúas cavidades anfractuosas situadas baixo o cranio e enriba da cavidade bucal, da que se separa polo padal. As dúas fosas nasais están separadas por unha parede formada polo vómer e o esfenoide. Por diante comunícanse co exterior por medio do orificio nasal anterior e por detrás ábrense na gran escavación faringobucal.

    3. fosa navicular

      Expansión da uretra no glande.

    4. fosa orbicular

      Cada unha das dúas cavidades que se sitúan a un lado das fosas nasais e nas que se atopan os ollos.

  2. [ANAT]
    1. s f

      Depresión que teñen algúns ósos na súa superficie.

    2. fosa ilíaca externa

      Gran depresión triangular na cara externa do íleo na que se insiren os músculos glúteos e o recto anterior.

    3. fosa ilíaca interna

      Depresión ampla, triangular, pouco profunda e lisa situada na cara superior interna do óso ilíaco. Forma as paredes da escavación superior da pelve.

  3. [XEOL]
    1. s f

      Depresión ou afundimento, especialmente de gran profundidade.

    2. fosa mariña

      Cavidade máis profunda dos fondos mariños. Caracterízanse por ser longas, estreitas e limitadas por marxes abruptas. Aparecen situadas á beira dos grandes relevos ou das illas e forman parte dunha zona moi inestable da superficie da terra que é moi propicia aos terremotos e á actividade volcánica. As fosas do Océano Pacífico son as máis profundas: as das Marianas acadan 11.000 m e as fosas de Kuriles-Kamtxatka, das Filipinas e de Kermadec-Tonga poden superar os 9.000 m ou 10.000 m. Non obstante , as fosas doutros océanos non alcanzan tanta profundidade.

    3. fosa tectónica

      Depresión alongada da codia terrestre, afundida respecto aos bloques laterais entre os que está situada pola acción das fallas que a limitan. Entre estas fosas tectónicas destacan o Val do Rin, entre os Vosgos e a Selva Negra, e a Depresión Prelitoral catalá e a Sardeña, que se atopan no Pireneo.

Palabras veciñas

forzar | forzoso -sa | forzudo -da | fosa | Fosa Magna | Fosbury, Richard | fosca