Bravo

Bravo

Río de América do Norte (3.036 km de lonxitude; 433.833 km 2 de conca), tamén coñecido cos nomes de Río Bravo do Norte, Río Grande e Río Grande do Norte. Nace no estado de Colorado, EE UU, nas San Juan Mountains, das Montañas Rochosas. Flúe en dirección NO-SL, encaixado entre montañas ata chegar a San Luis Valley, onde, a causa do Sangre de Cristo Range, cambia de dirección e atravesa o estado de Nuevo México. A partir das cidades de El Paso (Texas, EE UU) e Ciudad Juárez (Chihuahua, México), forma a fronteira entre México e os EE UU. Ao chegar ás localidades de Ojinaga (México) e Presidio (EE UU), recibe pola dereita o río Conchos; no Big Bend National Park forma un cóbado e, no estado mexicano de Coahuila, recibe pola esquerda o río Pecos; drena os estados mexicanos de Nuevo León e Tamaulipas. En San Ignacio, no encoro de Falcón, recibe pola dereita o río Salado e augas abaixo o río Pesquería. Desemboca no golfo de México. Ao longo do seu curso construíronse numerosos encoros que permitiron converter a rexión nun importante centro agrícola e industrial. Debido á súa condición de río fronteirizo entre México e EE UU ao longo de 1.455 km e atravesar cidades moi poboadas como El Paso, Ciudad Juárez, Laredo ou Nuevo Laredo, entre outras, fai que sexa cruzado por milleiros de inmigrantes ilegais (espaldas mojadas) que buscan entrar nos EE UU dende México, sendo unha das rutas migratorias máis transitadas do mundo. En 1994 a Operación Guardián, promovida polo goberno dos EE UU, potenciou as patrullas fronteirizas e rematou con gran parte do fluxo ilegal, aínda que non o eliminou. A partir dese momento a entrada nos EE UU fíxose máis difícil, polo que aumentou o número de espaldas mojadas que morren no intento, algunhas veces perante a presenza da policía norteamericana e dos medios de comunicación.

Palabras veciñas

braveza | bravío -a | Bravo | Bravo | bravo -va | bravo -va | Bravo Iglesias, Xan