Cousas
Conxunto de relatos breves da autoría de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Editou o seu primeiro libro a partir de 1926 na Editorial Lar da Coruña; en 1929 apareceu o segundo, tamén na Coruña, na editorial Nós. Xa en 1934, con este último selo editorial, pero agora en Santiago de Compostela, o autor reunía nun único e definitivo volume o publicado nos dous anteriores. Varias das pezas artístico-literarias que Castelao bautizou como “Cousas” apareceron en diversas publicacións (El Pueblo Gallego, Nós, Alma Gallega, Céltiga, Terra) e, malia o anunciado pola editorial Nós, despois de 1934 non apareceron novos libros co título de Cousas. Para Carballo Calero nesta obra hai un feixe de “prosas ilustradas (...) que constitúen a máis orixinal creación literaria de Castelao”. Son, en conxunto, 44 pezas que, en perfecta simbiose, reúnen breves textos de prosa coas súas correspondentes ilustracións. A única excepción é “A carón da natureza”, texto non ilustrado que constitúe o pórtico do conxunto onde o escritor reflexiona sobre a natureza e a paisaxe. As Cousas evidencian a capacidade de síntese do seu autor, o axeitado esquematismo da súa captación do home e da vida, a singular capacidade para rexistrar o instantáneo e sorprender con actitudes, captar trazos definitorios e configurar unha galería de personaxes case sempre de extracción popular. As prosas, caracterizadas polas reiteracións rítmicas e construcións paralelísticas, son breves retratos de personaxes, descricións de obxectos en lugares e historias condensadas que reflicten a realidade social e económica de Galicia. A narración xorde mesturada cun fondo lirismo e o texto posúe calidades poéticas. Humor, tenrura, sentimentalidade e dramatismo son as claves das Cousas, nas que Castelao é solidario e cómplice cos que sofren e padecen a existencia. A perspectiva crítica e denunciadora é unha constante nas súas páxinas, onde se reflicte a Galicia campesiña e mariñeira, a dos pobres e emigrados, xunto á burguesía.