actividade
(
-
s
f
Calidade de activo.
Ex: A súa intensa actividade déixaa sen competidores.
Antónimos: pasividade. Confrontacións: dinamismo. -
s
f
Conxunto de tarefas e angueiras propias dunha persoa ou entidade e tamén cada unha delas.
Ex: Despois das vacacións a casa da Cultura iniciou as súas actividades cun concerto de violín. É un cativo que asiste a todas as actividades que oferta o colexio.
Antónimos: inactividade. -
s
f
Facultade de obrar, funcionar, traballar ou exercer unha acción calquera.
Ex: A actividade do antibiótico baixa a febre.
-
s
f
Dilixencia ou eficacia no obrar.
Ex: A rápida actividade da anestesia fai que o paciente case non se decate da súa administración.
Antónimos: inactividade. -
[BIOL]
-
s
f
Conxunto dos actos motores dun organismo. O nivel de actividade depende dun contínuum de factores como son o ritmo vixilia-sono, a privación de alimento ou bebida, o estado sexual, a espera de estímulos favorables ou nocivos, a frustración e outros.
-
actividade de substitución
Comportamento inapropiado que se produce cando unha sobreexcitación non pode ser liberada por unha vía habitual.
-
s
f
-
[PEDAG]
En pedagoxía, un dos fundamentos da nova educación, denominada escola activa. Fronte ao verbalismo e ao ensino intuitivo, fundamentados na receptividade do neno, a actividade precísase para a adquisición de hábitos, de actitudes e de coñecementos. A través da participación activa (experimentación, manipulación, observación, reflexión e análise lóxica) o neno pode chegar a interiorizar adecuadamente a realidade e desenvolver un sistema de operacións (separar, comparar, valorar, clasificar, sintetizar, etc) que permiten establecer todo tipo de relacións e obter nocións dinámicas. Pretende orientar os nenos cara á cooperación e ao contraste de posibilidades e opinións, e tamén fomentar o sentido de comunidade e compromiso persoal.
-
s
f
[PSIC]
Conxunto de fenómenos psíquicos que tenden á acción.
-
s
f
[QUÍM/FÍS]
Relación entre a fugacidade dunha substancia nun determinado estado e a súa fugacidade nun estado de referencia arbitraria. A actividade (a) é unha cantidade adimensional igual á unidade no estado de referencia. Para servirse das actividades cómpre escoller e precisar ben, en cada caso, o estado de referencia. Para os gases, tómase o estado no que a fugacidade é igual á unidade. Así para os gases perfectos, a actividade é igual á presión. No caso das solucións, os estados de referencia máis convenientes son, para o solvente o solvente puro, para o soluto un estado tal que en disolución infinita a súa actividade se confunda coa concentración. Para as solucións ideais a actividade do solvente e do soluto son sempre iguais ás súas concentracións. Para as solucións reais as leis de Raoult e de Henry chegan a ser exactas cando as concentracións son substituídas polas actividades. Se se ten en conta, por outra banda, que a lei de acción de masa se cumpre rigorosamente nos sistemas reais se se fan intervir as fugacidades ou as actividades, resulta que a actividade pode tamén definirse como a cantidade pola que se debe substituír as presións gasosas ou as concentracións para que as fórmulas termodinámicas válidas para os gases perfectos e solucións ideais sexan aplicables a todos os sistemas reais. A desviación da actividade respecto á presión ou á concentración mide o afastamento da idealidade por mor das interaccións moleculares. Para as solucións, as actividades son facilmente calculables a partir de medidas de presión osmótica, tensión de vapor, punto de conxelación, distribución entre dous solventes ou forza electromotriz.
-
actividade da auga
[ALIM]
Cociente entre a presión de vapor dun produto e a da auga, a unha temperatura determinada. Emprégase para valorar a posibilidade de alteracións microbianas específicas nun produto determinado.
-
actividade solar
[ASTRON]
Estado de maior ou menor intensidade do magnetismo e do fluxo solares. As variacións estúdianse sobre todo na atmosfera solar, onde se manifestan ao orixinar manchas, protuberancias, etc. Na Terra dan lugar a diversos fenómenos eléctricos e magnéticos.
-
actividade económica
[ECON]
Actividade consciente e intencional dirixida aos campos da produción, circulación e distribución de bens e á realización de finalidades definidas materialmente, coa axuda de determinados medios materiais que constitúen a técnica. Enténdese por actividades económicas todas as accións que desenvolven os seres humanos encamiñadas a proporcionar bens con valor económico para os individuos ou a sociedade, por canto satisfacen necesidades humanas. As operacións económicas básicas (produción, circulación, distribución e consumo) interesan, sobre todo, á Economía Política, parte empírica da ciencia económica (macroeconomía, que estudia as grandes magnitudes dos sistemas económicos e microeconomía, que se centra nos aspectos máis miudos). A dinámica das actividades económicas das que nos fala a economía parten do feito de que os bens da natureza e da sociedade non son susceptibles de satisfacer necesidades humanas por si sós, senón que previamente teñen que ser obxecto de operacións levadas a cabo polos humanos. Mediante estas operacións, eses bens quedan acomodados para un uso posterior en forma de produtos (bens e servicios) que si poden satisfacer esas necesidades. O acomodo ou transformación entran dentro do ámbito da chamada produción, que é a actividade económica máis importante. Para que poida levarse a cabo fai falla aplicar ou combinar os chamados factores de produción, que son os recursos básicos utilizados polas empresas a tales fins. A economía clásica identificounos como: terra, traballo e capital. Cada un deles ten unha orixe diversa, polo que a súa combinación harmoniosa produce un maior beneficio, é dicir, a produción eficaz e racional de bens de todo tipo. O factor de produción terra entendémolo no seu senso máis estricto, por canto que xira arredor da natureza e a todo o que nos ofrece, como os recursos orgánicos, minerais e enerxéticos. Estes forman a base das chamadas materias primas, que se extraen e se manipulan para rematar como produtos finais ou elaborados ou ben como intermedios ou semielaborados. O factor de produción capital refírese aos recursos financieiros e monetarios (capital nominal), ou o acervo das instalacións, infraestruturas, máquinas, equipos e demais soportes para a produción de bens cos que ten que contar unha empresa (capital social). O capital ten como contraprestación a percepción de intereses. O factor de produción traballo xorde da sociedade e refírese á aplicación das formas máis variadas de esforzo e enxeño humano. É o que fai que poida haber produción de bens e, polo tanto, satisfacción de necesidades. De aí que o traballo (que se presta a cambio dun salario na gran maioría dos casos) sexa de grande importancia para a economía. Foino sempre, pero na sociedade actual aínda o é máis, xa que esta se basea en gran medida neste factor de produción. A produción de bens económicos realízase nas chamadas unidades de produción, que engloban unha gran gama de configuracións físicas (explotacións agrarias, minas, granxas, explotacións forestais, barcos, almacéns, talleres, fábricas, oficinas, tendas...) e tamén de acordo a configuracións legais ou xurídicas (autónomos, sociedades, cooperativas multinacionais...). A estas unidades de produción achéganse os factores de produción, onde se combinan e transforman en produtos que poden reinvestirse noutros procesos produtivos ou ben se distribúen ao mercado, constituíndo deste xeito o chamado fluxo real de bens e servicios. No mercado (que non sempre é un lugar físico ou xeográfico) establécense as condicións de prezo dos produtos, que se distribúen a partir de alí a cambio dunha contraprestación monetaria. Chegan así, finalmente, ás unidades de consumo, que son, en termos amplios, as familias, nas que se orixina a contraprestación ou fluxo nominal. A dinámica de produción, distribución, intercambio e consumo de factores de produción e de bens e servicios é o que constitúe o chamado circuíto económico, e os tres elementos fixos identificados (unidade de produción, mercado e unidade de consumo) constitúen os polos básicos dos distintos sistemas económicos. Estes poden erixirse en moi diversas escalas, dende as economías locais e rexionais ata as nacionais e mundiais. Baséanse, non só na dinámica propia dos procesos económicos, senón tamén noutros moitos elementos que versan sobre a configuración da vida social, cultural e política das nacións. O mundo das actividades económicas pódese facer máis asequible de cara ao seu entendemento si acudimos ás categorías e ás clasificacións sistemáticas. A partir de mediados do s XX (por medio da sistematización realizada polo economista australiano Collin Clark) xeneralizouse a análise da economía dende a perspectiva dos chamados sectores económicos. Esta ordenación incorpora os elementos básicos dos procesos económicos e clasifícaos segundo criterios, é dicir, atendendo á natureza das distintas actividades económicas e á combinación dos factores de produción correspondentes a cada tipo de actividade. Segundo esta estruturación, xa clásica, o sector primario abrangue aquelas actividades económicas que se basean na extracción de bens e recursos do medio físico. Aquí, o factor de produción terra é imprescindible, aínda que hai que combinar cantidades diversas de traballo e capital. As principais actividades que se desenvolven dentro deste sector son a agricultura e a gandería, a pesca, a explotación forestal e a mineiría. O sector secundario abrangue aquelas actividades económicas que se basean na transformación dos bens e recursos extraídos do medio físico. Aquí, o factor de produción capital é imprescindible, aínda que hai que dotalo con diversas cantidades de terra e traballo. As súas principais actividades son as variadas formas de industria e a construción. O sector terciario engloba as actividades que se basean na prestación de servicios de todo tipo. Así, o factor de produción traballo é o máis importante, combinado co capital e coa terra, aínda que este último factor non soe ter moito peso na maioría dos casos. As actividades deste sector abranguen un amplísimo abano de quefaceres, entre os que podemos destacar o comercio, os transportes, as comunicacións, o turismo e as finanzas. Cada un destes sectores económicos ten un marco propio en canto ao espazo e ao tempo. Polo que se refire ao espacio, as actividades primarias realízanse nas proximidades aos recursos. As secundarias teñen o seu marco idóneo en talleres e fábricas, e polo tanto vinculadas (dende a Primeira Revolución Industrial) aos espacios urbanos e periurbanos acomodados a estes fins. As actividades terciarias non requiren grandes infraestruturas físicas e polo tanto están pouco vinculadas a espacios concretos, pero se atendemos á súa natureza e sobre todo ao factor de produción traballo, pódese dicir que teñen o seu lugar idóneo no medio urbano. En canto ao tempo, ata a Primeira Revolución Industrial, a finais do século XVIII e comenzos do século XIX, a maior parte da poboación activa traballaba no sector primario. O secundario estaba aínda nun estadio incipiente, as actividades industriais desenvolvíanse en pequenos talleres artesáns sobre unha base de materias primas locais e con instrumentos rudimentarios; aínda non existía a produción masiva a gran escala. O sector terciario estaba reservado aos gremios urbanos e a unha pequena burguesía. Ao longo do século XIX e sobre todo no século XX, os países que acadaran altas cotas de desenvolvemento foron experimentando unha evolución parella con respecto á ocupación da poboación activa nos distintos sectores das actividades económicas. O sector primario foi diminuíndo o seu peso ata quedar, nalgúns países, como un sector residual en canto ao emprego, con menos do 10% da poboación activa. O secundario foi aumentando en proporción ata acadar entre un 25% e un 35% da poboación activa. O sector terciario é o da modernidade: experimentou no s XX un aumento espectacular ata chegar a ocupar entre un 60% e un 70% da poboación activa, e a supoñer o maior peso cara á xeración do Produto Interior Bruto dos países desenvolvidos. Polo que se refire a Galicia, podemos dicir que actualmente o noso país xa non é a comunidade agraria de hai uns decenios. O proceso de urbanización que experimentou dende finais dos anos sesenta propiciou un cambio da repartición sectorial da poboación activa e do tipo de actividades que se desenvolven nela. O sector primario galego pasou nos últimos corenta anos dun modelo de autoconsumo a un que orienta a súa produción cara ao mercado. Ata a década dos anos cincuenta, as terras eran traballadas para a obtención dun policultivo que cubrise as necesidades familiares; e as explotacións caracterizábanse por unha excesiva fragmentación (o minifundismo). Na década de 1960, a par do éxodo rural cara ás áreas urbanas e industriais, lévase a cabo un embrionario proceso de urbanización ligado ao crecemento económico. Isto trouxo unha maior demanda de produtos do agro, o que provocou un aumento dos prezos e á vez un maior estímulo para a súa produción. Estes cambios foron consolidándose na década de 1960 e, sobre todo, dende a incorporación de España á Comunidade Económica Europea no ano 1986. Actualmente o campo galego está caracterizado polas explotacións lácteas das comarcas interiores (Terra Chá, Lugo, Xallas, Ordes, A Barcala, Deza, Melide, Tabeirós), vitivinícolas no Salnés, no Ribeiro e en Valdeorras, e hortícolas nas Rías Baixas, no Golfo Ártabro e na Terra de Santiago. Pero en contraposición, as zonas que quedan afastadas das principais vías de comunicación sofren unha crise profunda marcada polo avellentamento demográfico e polo abandono das terras. As actividades de explotación de recursos do mar teñen a Galicia como unha auténtica potencia a nivel mundial. Estas actividades teñen unha longa tradición e uns condicionantes naturais que a favorecen (longa costa, portos naturais, abundancia de especies). Así, a nosa Comunidade ten a este subsector cunha clara vocación de mercado, moi competitivo. En canto á poboación activa do sector primario hai que salientar que Galicia segue tendo unha enorme porcentaxe de emprego agrario e pesqueiro, cun 32,7% no ano 1990. Isto é algo excepcional no medio europeo, onde non acada unha media do 10%. Pero hai que sinalar que nos últimos anos a destrución de postos de traballo neste sector foi moi grande co que é previsible unha lixeira aproximación ás taxas dos países desenvolvidos. O sector secundario, tal como hoxe o coñecemos, dá os seus primeiros pasos nos anos sesenta deste século, cando comeza o xerme do que posteriormente sería a consolidación do tecido industrial do eixo Vigo-A Coruña. Pero podemos facer un pouco de historia e lembrar que a finais do século XVIII atopamos na Mariña establecementos siderúrxicos, en Ferrol créanse estaleiros e arsenais, e en Vigo instaláronse as primeiras fábricas de salgaduras. A comenzos do s XX o auxe das actividades pesqueiras foi o que fomentou a creación de empresas de construción naval, químicas, metalúrxicas e téxtiles. Na década de 1940, ás anteriores actividades hai que engadirlle as ligadas ás industrias de transformación da madeira. Pero sería a finais da década de 1950 cando se comenza a desenvolver o verdadeiro proceso industrializador, coa construción de encoros, creación de grandes complexos industriais e tamén cos investimentos de grandes grupos financieiros. Todo isto potenciou unha localización da industria no litoral, con excepción dalgúns punto do interior ligados á explotación de recursos naturais. Entre 1960 e 1980 a industria galega seguiu un ritmo de crecemento importante. Pero nos anos oitenta a crise do modelo existente, baseado nos investimentos do sector público, levou ao estancamento industrial. En canto á poboación activa neste sector, no ano 1990 contaba cun 24,3% dos efectivos totais, se ben o 9% pertencía ao subsector da construción. O sector terciario en Galicia podémolo catalogar como tradicional, disperso e formado por empresas de tipo familiar. A pesar disto, nas grandes cidades galegas podemos apreciar como se instalan empresas de servicios cun radio de acción amplo, o que provoca unha reestruturación do sector en tódolos seus subsectores. O comercio está caracterizado por un número moi elevado de establecementos que venden polo miúdo. Isto deriva en volumes de negocio reducidos; pero os cambios están chegando coa aparición das grandes superficies comerciais, as cales están a ameazar a supervivencia deses pequenos negocios. Nos transportes teñen moita importancia os portos, lugar preferente de entrada e saída de mercadorías e persoas. A emigración foi un factor moi importante para o desenvolvemento dos mesmos. En canto ás vías de comunicación terrestres (estradas e ferrocarril), Galicia móstrasenos como claramente deficitaria. A rede galega de estradas ten unha alta densidade de trazados, principalmente na costa, pero estas están constituídas na súa maioría por vías de carácter local (sinuosas e con mal firme), e a dotación de vías de alta capacidade está nun proceso de arranque do seu desenvolvemento, con menos dun milleiro de km de autoestradas e autovías. En canto aos ferrocarrís, actualmente se atopan nunha difícil situación debido ás reducións de traxectos por motivos de rendabilidade do servicio. É moi salientable as potencialidades que ten a nosa comunidade no sector turístico. As campañas institucionais que divulgan as excelsitudes do noso patrimonio natural e artístico, e o apoio ao turismo rural están contribuíndo a un auxe desta rama terciaria. A oferta hosteleira concéntrase na costa, especialmente nas Rías Baixas, e en Santiago de Compostela. Os turistas son maioritariamente españois, e constitúen un turismo de verán tradicional e familiar. Por último destacar o numeroso emprego creado nos anos de 1980 no ensino e na sanidade, gracias á descentralización que permitiu ofrecer os servicios máis elementais nas cabeceiras comarcais. A poboación activa deste sector contaba co 43,0% sobre o total no ano 1990. A súa primacía débese ao proceso de urbanización de Galicia nos últimos anos. Derívase dun forte crecemento dos empregos na administración, nos transportes, nos servicios persoais e nas actividades mercantís sendo reflexo dunha situación na que cada vez hai menos persoal nos sectores primario e secundario.
Confrontacións: economía. -
actividade nuclear
[FÍS]
Número de núcleos atómicos dunha substancia radioactiva que se desintegran por segundo. Na práctica a actividade real está sometida a flutuacións ao redor dun valor medio. A unidade SI de actividade nuclear é o becquerel [Bq], pero tamén é moi empregado o curie [Ci]: 1 Ci=3,7·10 10 Bq.
-
actividade óptica
[FÍS]
Capacidade que presentan certas substancias de facer xirar o plano de vibración da luz polarizada plana que as atravesa. O ángulo de rotación depende da temperatura, da lonxitude de onda da luz, do grosor atravesado e da natureza da substancia activa. O fenómeno da actividade óptica foi descuberto por Francesc Aragó, en 1811, estudiando o cristal de cuarzo. Axiña se puxo de manifesto que podía ser de dous tipos. Para os sólidos pode ser debido a unha disimetría do retículo cristalino, é dicir, pode ser só unha propiedade do cristal, que desaparece por fusión ou disolución. Biot descubriu, non obstante, no 1815, que existen substancias nas que a actividade óptica persiste sexa cal sexa o estado físico. Posteriormente Faraday descubriu, en 1845, que todas as substancias coñecidas, en calquera estado físico, manifestan actividade óptica cando están baixo a influencia dun campo magnético (efecto Faraday). Pero prescindindo deste fenómeno, Pasteur retomou o estudo da actividade óptica descuberta por Biot e deduciu en 1860 que a causa non podía ser outra que unha disimetría da propia molécula. A experiencia demostra que as substancias que presentan actividade óptica molecular existen en dúas formas, de propiedades físicas exactamente idénticas, pero que se diferencian polo signo da súa actividade óptica (sentido da rotación do plano de vibración da luz). Dise que estas substancias presentan o fenómeno da isomería óptica. A actividade óptica molecular mídese, en estado líquido ou en solución, cos polarímetros. Para os líquidos puros denomínase rotación óptica específica ou poder rotatorio específico. O poder rotatorio específico dunha solución é, nunha primeira aproximación e en termos xerais, independente da concentración (lei de Biot), se ben depende do solvente.
-
coeficiente de actividade
[QUÍM/FÍS]
Cantidade γ pola que se deben multiplicar as presións gasosas ou as concentracións para obter as actividades. Coas convencións usuais respecto aos estados de referencia, γ=a /P no caso dos gases e γ=a/c no caso das solucións. Se a concentración se expresa en fracción molar, molalidade ou molaridade, o valor numérico de γ varía. No caso dos electrolitos fortes, como é imposible calcular as actividades individuais dos ións, introdúcese un coeficiente de actividade medio γ, que varía coa forza iónica I da solución.
Frases feitas
-
En actividade loc adx En acción. Ex: O volcán entrou en actividade onte pola noite.