Agrupación a la III República

Agrupación a la III República

Constituída na Coruña o 12 de agosto de 1932, a idea inicial era crear un Frente Único Republicano, pero a repulsa á sublevación do Xeneral Sanjurjo, o 10 de agosto de 1932, provocou o seu urxente nacemento co novo nome. O comité organizador agrupaba a membros como Xesús Mejuto -director de El Noroeste-, Xulio Suárez Ferrín -concelleiro do PRR-S-, César Alvajar -presidente do Casino Republicano e dirixente do PRR-, Xosé García Fernández -concelleiro do mesmo partido-, Xosé María Eirís, Xosé Búa Carou, Eduardo Paredes, Alfredo Suárez Ferrín, Gonzalo Acosta Pan, Luís Pérez e Xosé Arias, todos do PRR-S ou do PRR. A Agrupación caracterizábase polo radicalismo político, a defensa da democracia, o laicismo e o desexo de neutralizar politicamente o exército. Preséntanse o 24 de agosto de 1932: “A Agrupación -dicían- vén a ser un estímulo para os gobernos na súa obra política e social de avance, co obxectivo de substituír a revolución que nunca existiu cunha acción cidadá constante e enérxica que converta a II República, tímida e feble, na III República asistida polo pobo e amada por el”. Partidarios da acción directa, aprobaron un plan de vixilancia e alarma para a defensa das institucións republicanas -idea sustentada en España polo PRR-S. Pero os fins primixenios da Agrupación quedaron esluídos polo papel xogado no asunto da capitalidade no borrador do Estatuto de Autonomía, que se elabora en Santiago no segundo semestre do ano. A posibilidade de que A Coruña perdese o protagonismo político fixo que o grupo de El Noroeste, en desacordo coa orientación do comité galego do seu partido, o Radical-Socialista, e os membros do Partido Radical presentes na Agrupación, utilizasen a Agrupación favorecendo a política do Partido Radical, enfrontado coa ORGA. Artellouse unha campaña de mobilización na Coruña, baseada en que Santiago pretendía disputar a capitalidade da futura Rexión Autónoma á Coruña, “a quen pertence por dereito propio, pola súa tradición liberal e democrática”, afirmaban. Publicaron varios manifestos, nos cales salientaban os “vicios de procedemento” que presentaba a convocatoria da asemblea rexional, criticando a ausencia de representación nela de varias corporacións e entidades públicas. Conseguiron que o concello coruñés se pronunciase a prol de que na asemblea de concellos non se tratase a cuestión da capitalidade. O representante do concello, o alcalde Iglesias Corral, traslada ese pronunciamento á comisión redactora, para se producir logo a retirada da representación da Coruña, que estivo a piques de facer fracasar a asemblea. “A la III República” continuou coa súa campaña autonomista en contra do Estatuto, cada vez máis radicalizada contra o nacionalismo, conseguindo os votos desaprobatorios dos concellos da Coruña, Vigo, Lugo, Mondoñedo e o da Cámara de Comercio de Vigo. Os membros de El Noroeste, e os concelleiros do PRR-S na Coruña foron desautorizados polo partido. O 3 de setembro de 1933 celebraron o seu derradeiro mitin, protestando de novo o “estatuto caciquil” e o decreto de plebiscitación.