Agrupación al Servicio de la República de Vigo

Agrupación al Servicio de la República de Vigo

Constituída no período anterior á proclamación da Segunda República, foi un núcleo republicano de clara inspiración orteguiana, orientado a garantir e asentar a lexitimidade republicana despois das eleccións municipais de abril do 1931, nun ambiente de clara inestabilidade política. A súa primeira Comisión Directiva estaba integrada por relevantes republicanos vigueses, entre os que destacaron o arquitecto Gómez Román (presidente da Agrupación) e o polígrafo Xerardo Álvarez Gallego. A agrupación de defensa republicana, estivo moi vinculada ao movemento agrarista galego, participando no IV Congreso Regional Agrario (Porriño, 14 de maio de 1932). Os seus obxectivos de reivindicación labrega eran os seguintes: suspensión da lexislación foral existente, ata que o futuro Parlamento da República non regulamentara tal asunto; avogaba pola propiedade individual traballada polo labrego; no devandito congreso agrario defenderon a concentración parcelaria, como resposta ao excesivo minifundismo galego. A Agrupación experimentará un crecente peso sociopolítico nesta sociedade viguesa dos albores republicanos.