agudeza

agudeza

(

  1. s f

    Calidade de agudo.

    Ex: A agudeza do son do violín penetrou en todo o público.

  2. s f

    Capacidade que ten unha persoa para percibir as cousas e para amosar enxeño.

    Ex: Celebro a agudeza do teu curmán Marcos para tratar coa xente.

    Sinónimos: finura. Confrontacións: perspicacia, sagacidade, vivacidade, viveza.
  3. s f

    Dito agudo.

    Ex: Estou farto das agudezas desta xente.

    Confrontacións: gracia, ocorrencia, saída.
  4. s f [FIS/LING]

    Calidade acústica dos sons que dependen da frecuencia dos seus elementos constituíntes; esta frecuencia, na fala, depende da velocidade das cordas vocais e da conformación dos resoantes bucais. A fundamentación nas cordas bucais opera sobre os harmónicos e determina a altura musical, curva melódica ou entoación. Opera sobre eles formando acústicos e determina o timbre.

  5. agudeza sensorial [FISIOL]

    Poder de percepción e de discriminación dos sentidos.

  6. agudeza visual [FISIOL]

    Poder de visión clara dos detalles. Nos seres humanos depende exclusivamente do estado da retina, pero chega a un límite de percepción que vén dado polo ángulo que forman os dous eixos visuais orixinados polos dous puntos máis próximos que é posible distinguir.