Airiños da Miña Terra, Sociedade musical
Agrupación fundada en Ferrol o 1 de outubro de 1900 e constituída inicialmente como ronda de pulso e púa. Os seus membros fundadores foron: Antonio Quero, Mario Rodríguez Trigo, Xoán Xosé Cabarcos, Xoán A. Martínez, Ramón Picos, Luís Díaz, Constantino González Gómez, Xosé Llanos, Xosé de los Ríos, Xosé Lage Pedreira e Antonio Seoane Pampín como director da rondalla. O 20 de xaneiro de 1901 fai a súa presenza oficial cun concerto na cidade de Ferrol, como “saludo a las autoridades, prensa local y sociedades de recreo”. O 28 de setembro viaxou por primeira vez á cidade da Coruña invitada polo Círculo de Artesáns. Catro anos máis tarde, o 13 de agosto de 1904, obtivo o 1º premio no certame de rondalllas celebrado tamén na Coruña. O 5 de maio de 1905 acudiron a Madrid para tomar parte nas festas celebradas co gallo do terceiro centenario do Quixote. Alí a rondalla actuou no Teatro Real, Teatro da Zarzuela, Ateneo e Centro galego. En outubro de 1906 obtivo o 1º premio do Concurso Nacional de Rondallas celebrado na cidade de lugo co gallo das festas de San Froilán. En 1907 iniciou unha longa xira por varias cidades de Catalunya. Con este motivo o director de Airiños, A. Seoane Pampín, decidiu organizar o que sería o “Toxos e Froles” de Ferrol. A partir deste momento Airiños da Miña Terra pasou a estar configurada por tres seccións claramente diferenciadas: a ronda propiamente dita, composta por 17 membros, o coro integrado por 19 membros, dúas parellas de baile galego, un gaiteiro e un tamborileiro. Como gaiteiro figurou Manuel Lorenzo Barxa ata o ano 1914 en que funda o coro “Toxos e Froles”. A partir de 1914 a rondalla tentou con desigual éxito seguir mantendo o organigrama anterior polo que Manuel Lorenzo, xa como director de “Toxos e Froles”, colaborará con Airiños en sucesivas ocasións. O 26 de xullo de 1909 Airiños da Miña Terra ofreceu un concerto no Pazo de San Sadurniño ao Rei Afonso XIII co gallo da visita que este fixera á construción da escuadra. O 6 de agosto de 1909 Airiños participou na festa galega que, organizada pola Liga de Amigos da Coruña, se celebrou no Teatro Circo Emilia Pardo Bazán. Alí comparte cartel co afamado coro pontevedrés “Aires da Terra”. Neste encontro é onde probablemente xurdiu o estreito contacto que dende entón mantiveron ambas agrupacións e a amizade que existiu entre Manuel Lorenzo e Perfecto Feijóo. O 12 de setembro dese mesmo ano“Aires da Terra” fixo a súa estrea na cidade de Ferrol, cun concerto no Teatro Jofre e compartindo escena tamén cos seus anfitrións de Airiños. O 16 de agosto de 1913 obtivo outro 1º premio no certame de rondallas de Betanzos. No mes de abril de 1930, Airiños da Miña Terra iniciou outra xira por diversas cidades da península para rematar novamente en Barcelona onde a agrupación ofreceu diversos concertos. Acompañou á rondalla un cuarteto formado por gaita (Manuel Lorenzo Barxa), clarinete, tamboril e bombo. Airiños da Miña Terra cesou na súa actividade no ano 1936.