Alfar

Alfar
[PUBLIC]

Revista editada na Coruña a partir do mes de outubro do ano 1923, baixo a dirección do Cónsul de Uruguai nesa cidade, Xulio J. Casal, sendo o seu redactor-administrador, Afonso Mosquera e o seu director artístico o pintor uruguaio Barradas. O primeiro exemplar con ese título tiña o número 33, xa que era continuación doutra publicación chamada Revista de Casa América-Galicia, (con esta cabeceira como subtítulo saíron os números 33 e 34 de Alfar), e que fora editada a partir de 1921 e ata ese ano. Esta á súa vez continuaba o labor iniciado desde o ano 1920 pola titulada América-Galicia, que antes tamén se publicara baixo o epígrafe de Boletín de Casa América-Galicia. Alfar foi editada na Coruña ata o ano 1926 (o último foi o número 60, correspondente aos meses de agosto-setembro) por Xulio J. Casal; logo por ter que se ausentar este da cidade deixou de publicarse, pero un ano máis tarde baixo a dirección de Juan González del Valle aparecen os números 61 e 62. Dous anos máis tarde, en 1929, e posiblemente tras deixar claro o dereito sobre a cabeceira, Casal volve editala en Montevideo, saíndo entón un novo número 61, que tivo continuidade nesa cidade ata que desapareceu no ano 1954, xusto cando morre o seu director, tendo chegado ata o número 91 da publicación. Todas as revistas citadas, que recibían apoio económico da Casa de América-Galicia, organismo creado por varios cónsules latinoamericanos afincados na cidade herculina, tiñan como pretensións presentar en Galicia produtos procedentes de América Latina, propagar por América as industrias galegas, asemade servir de nexo entre as dúas comunidades, informar aos emigrantes e fomentar a utilización dos portos galegos. É por isto que abundaba a publicidade nas súas páxinas, principalmente nas primeiras e últimas. Alfar unirá a isto o interese pola literatura e a arte, que xa estaba presente na publicación anterior, Revista de Casa América-Galicia, quizais porque xa esta era dirixida por Casal. Así constaba de diversos apartados dedicados á crítica de arte, comentarios literarios, glosas, poesía, relatos, presentación e recomendación de libros e revistas, información americana. É quizais por esta razón que Alfar, editada con periodicidade irregular, sobre todo na etapa uruguaia por mor de problemas económicos, era distribuída nas principais cidades españolas e americanas; entre outras Bilbao, Badajoz, Donosti, Santiago, Barcelona, Santander, Oviedo, Zaragoza, Córdoba, Huesca, Logroño, València, Valladolid, Las Palmas, Málaga, Cádiz, Murcia, Sevilla, Madrid, Bos Aires, Bogotá, Quito, Montevideo e San Xosé de Costa Rica, e tamén en París, Roma, Xénova, etc. Vendíase nas librerías e a súa tirada estaba próxima ao millar, cando menos nunca era inferior aos cincocentos os exemplares impresos. Dado o seu carácter literario mantivo relacións con moitas outras publicacións do seu xénero como as francesas, Revue Europenne, Revue de l´Amerique Latine, Création, Intentions, Vient de paraitre e Le disque de París; Manométre de Lyon, as bonaerenses Proa e Nosotros; as uruguaias Pegaso e Teseo; a italiana Varazze ou a polaca Zwrotnica. Polas súas páxinas pasaron ademais de moitos escritores, algúns artistas gráficos de renome como Dalí, Vázquez Díaz, Barradas, que foi o seu director artístico, Álvaro Cebreiro, o autor, xunto con Manuel Antonio, Norah Borges, irmá do escritor, Picasso, Sánchez Mazas, Benet, Juan Gris, Paskievich e outros. Se como acabamos de ver os artistas colaboradores que participaban con gravados, ilustracións, debuxos, retratos, paisaxes, non son nada desdeñables, a nómina de escritores é tamén importante. Comezando polos máis vellos, podemos salientar entre outros a presenza dun Antonio Machado, non o membro da Xeración do 98, modernista, que colaborou en cinco números con varios dos seus poemas; Manuel Machado, este si o auténtico, que participou no número 34 cun poema; Azorín que apareceu só nunha ocasión, cun artigo titulado Ad lucem no que pedía comprensión para os consagrados; Ricardo Baroja; Gabriel Miró, quen presentou un adianto de El obispo leproso no número 46; Unamuno, que nunha das súas tres aportacións fai unha exaltación dos valores da nosa terra co título de Galicia e Concha Espina, narradora que participa en varias ocasións. Escriben tamén algúns hoxe pouco coñecidos, como Ramón María Tenreiro, reputado crítico coruñés nesas datas; Alfonso Hernández Catá; Cipriano Rivas Cherif; José Francés; todos eles habituais en diversos xéneros nas páxinas da publicación. Podemos tamén incluír neste grupo, aínda que tivo máis renome a Rafael Cansinos Assens, quen sendo mentor de novos valores que pretendían achegarse ás vangardas colaborou cunha soa prosa na revista. Tamén tiveron cabida os asiduos da tertulia do café da rúa Real da Coruña, á que pertencía o propio Xulio J. Casal e da que fala Julio Rodríguez Yordi, asiduo tamén, en La Peña y la peña. Entre outros Ángel Ferrant, Jacobo Casal, Antonio Suau, Juan González del Valle, que logo sería director trala marcha de Casal, Luís Huici, etc. Como representantes das vangardas podemos citar ao chileno, fundador do Creacionismo e afincado en París, Vicente Huidobro; Guillermo de Torre, un dos teóricos literarios que máis participou na revista, mesmo como centro dalgunhas polémicas; Eugenio D´Ors, que colaborou nos números 26 e 52; Benjamín Jarnés, que máis tarde se adheriría ao ultraísmo; Ramón Gómez de la Serna, quen colaborou con asiduidade en oito dos vinte e sete números de Alfar, e un Luís Buñuel mozo e escritor preocupado polo teatro. De entre os ultraístas, movemento que tivo moito eco na revista, de aí que houbo quen dixo de Alfar que era o órgano de expresión do mesmo, podemos citar a Eugenio Montes do que falamos máis adiante; Pedro Garfias, que colaborou en cinco números; Adriano del Valle e Juan Chabás, tamén moi prolixos nas súas aportacións; César A. Comet, Juan Gutiérrez Gili, César González Ruano, Rogelio Buendía, Francisco Vighi, César M. Arconada, Eduardo de Ontañón, Mauricio Bacarisse, Antonio Espina, Eliodoro Puche, López Parra, Jaime Ibarra. Tamén houbo entre os colaboradores representantes, da Xeración do 27 e xente próxima á mesma: Jorge Guillén, quen en tres ocasións colaborou con composicións, algunhas das cales aparecerían logo en Cánticos; Gerardo Diego, tamén ultraísta, que participa en varias ocasións, entre outras cun poema, que logo publicou en Versos humanos; e nunha polémica literaria con Eugenio D´Ors, Rafael Alberti, que enviou nunha ocasión un poema, titulado “Balcones” e incluído anos máis tarde en La arboleda perdida; e noutra unha nota crítica; José Bergamín, que colabora en cinco números; Francisco Ayala, que participa con dúas notas críticas; Benjamín Jarnés, Moreno Villa, Guerrero Ruíz, Max Aub, que colaborou con dous textos en prosa, José María de Cossío, Pérez Ferrero, Pérez de la Osa e Antonio Porras. Houbo tamén un oco para os novos, así o surrealismo tivo un lugar nas súas páxinas, de tal xeito que esta revista foi unha das primeiras que falou del. E foron o propio Casal, C. M. Arconada, J. Bergamín e Pierre Picou os que lle dedicaron páxinas. Incluíronse poemas de André Breton e Paul Eluard. Polo que respecta ás linguas minoritarias tamén estiveron representadas. Así a literatura galega xa aparece no número 33, onde se inclúe unha colaboración baixo o título de Suevia de Eladio González Rodríguez, Antonio Noriega Varela e Victoriano Taibo. Tamén participaron na revista o integrante de Nós, Vicente Risco; o fundador do Hilozoísmo, Luís Amado Carballo; o debuxante Álvaro Cebreiro, colaborador habitual; Antón Vilar Ponte, Xoán Vicente Viqueira, estes dous tamén habituais; Alejandro Pita Romero, Jesús Bal, Antonio Rey Soto e o político Casares Quiroga, sen esquecer ao xa antes citado Eugenio Montes e ao polígrafo Salvador de Madariaga, escritor en lingua castelá, pero de orixe galega. As letras catalanas estiveron representadas polos poetas José P. María López Picó, poeta postsimbolista e director da publicación literaria La revista e Alfonso Maseras, crítico e escritor en lingua francesa alén da súa. Das Canarias chegaron tamén varios escritores, representantes, algúns deles, da escola rexionalista que naceu alí a fins do século XIX. Son entre outros Alonso Quesada, quizais o máis valorado, Saulo Torón, Fernando González, o máis asiduo colaborador, Félix Delgado e Josefina de la Torre. A literatura europea, sobre todo a francesa, tamén estivo representada, á parte de André Breton e Paul Eluard, dos que xa falamos a propósito do surrealismo, son asiduos colaboradores Jules Supervielle, Pierre Picou, J. Cassou e Emile Malespine. Cabe sinalar tamén a presenza nas súas páxinas de Paul Valery, autor que se relacionou coa revista grazas á mediación dun asiduo colaborador dela e crítico literario, Antonio de Marichalar. A única presenza viva da literatura portuguesa foi Teixeira de Pascoaes, ao que se lle dedicou un número, aínda que nas súas páxinas lle deron cabida a aquela con traducións de autores tanto clásicos como actuais. A poesía polaca estivo representada por Tadeusz Peiper, Juljan Przybos, Jan Przekowski e Jula Kusck, que aparecen nunha antoloxía no número 62; cómpre salientar tamén que Alfar mantiña relacións coa revista Sztakipiekrre, dirixida por W. L. Jarocki, da mesma nacionalidade. Por mediación dos críticos asiduos da revista Alejandro Sux e Alfonso Maseras foron coñecidos os poetas Taras Chevtchenco, de Ucraína e Nazariantz, de Armenia, presentado este último como un gran poeta mártir da causa independentista do seu pobo. A literatura hispanoamericana estivo tamén moi representada, empezando polo mestre Jorge Luís Borges, autor que colabora en varias ocasións, con tres poemas que nunca chegou a publicar e un ensaio en dúas entregas; tendo sido tamén obxecto de críticas, sempre positivas, nas páxinas da revista. Teñen así mesmo cabida poetas como os chilenos Gabriela Mistral, que colabora cunha prosa titulada “El grito” e cos poemas “Motivos de San Francisco” e Augusto D’Halmar; o mexicano Alfonso Reyes; o peruano César Vallejo que participou en tres ocasións: co poema “Trilce”, a narración “Los caynas” e cun ensaio crítico de arte; Rufino Blanco Fombona, venezolano e Alfredo Gangotena, ecuatoriano. Cabe por último falar da presenza de escritores uruguaios, presenza lóxica dada a nacionalidade do director. Aparecen, ademais de Casal e Barradas, Alberto Lasplaces, Luisa Luisi, María Eugenia Vaz Ferreira, Emilio Frugoni, Julio Raúl Mendilaharsu, Emilio Oribe, José Mª Delgado, Nicolás Fusco Sansone, Juana de Ibarbourou e Fernán Silva Valdés. En definitiva e á vista do apuntado, Alfar foi unha revista aberta a todas as tendencias, na que houbo espacios para os consagrados e os novísimos, polos que apostaron tan atinadamente que logo ocuparon un espazo de honor no panorama literario mundial. Apareceron tanto con colaboracións directas dos mesmos coma coa inclusión de estudios e notas críticas dos colaboradores habituais da mesma. Nela tiveron cabida desde os modernistas ata os surrealistas; desde o noventa e oito ata o ultraísmo; os novecentistas e os do vintesete. Reuniron nas mesmas páxinas as literaturas galega e catalana, a española, francesa e hispanoamericana, sen esquecer as eslavas, polaca e armenia. Alfar foi, por tanto, unha publicación de grande importancia tanto no panorama cultural galego como no referente á literatura hispana, grazas ao seu carácter aberto e ao seu interese non só pola literatura dos consagrados senón tamén pola dos novos valores.

Palabras veciñas

alfaque | alfaquí | alfar | Alfar | Alfara del Patriarca | alfarda | alfardón