Alfredo Brañas, Agrupación Cultural
Sociedade fundada en Santiago en decembro de 1958 por iniciativa de Paulino Pedret Casado, Benito Varela Jácome, Baldomero Cores Trasmonte, Francisco Otero Guldrís e Serafín González Prieto co gallo de honrar a memoria de Alfredo Brañas. Entre os seus primeiros obxectivos estaban: organizar un congreso rexional de Economía, Socioloxía e Dereito; crear unha Federación Rexional de coros galegos e unha exposición da obra pictórica de Maside. Tendo como precedente a homenaxe a Aurelio Aguirre -que celebraran no cemiterio compostelán de San Domingos-, esta agrupación organizou unha concentración en Carballo (1959) para celebrar o primeiro centenario do nacemento de Alfredo Brañas. A este acto acudiu Leandro Carré, en representación da Real Academia Galega, e nela colaborou tamén a comisión de Homaxe da Colectividade Galega a Alfredo Brañas que colocou unha placa conmemorativa en galego suscitando unha espiñenta polémica.