ANABAM
Agrupación creada en 1985 dedicada ao estudio, defensa e divulgación dos valores naturais e etnográficos da comarca do Baixo Miño. Dende a súa fundación estivo presidida por Agustín Ferreira Lorenzo. No ano 1985 organizou as Primeiras Xornadas Ibéricas sobre a Protección de Zonas Húmidas. Entre os obxectivos acadados están: a declaración do último tramo do esteiro do Miño como Refuxio de Caza (1986); a instalación de observatorios (1987) e dunha Estación Ornitolóxica (1998) no mesmo esteiro; a paralización da extracción de áridos no esteiro e a retirada dos pararraios radioactivos (1989). En 1991 creou o Museo do Mar no Centro Cultural Guardés dedicado á recolección e conservación de aparellos e pezas tradicionais empregadas polos mariñeiros da Guarda. Dentro das actividades naturalistas que desenvolve, está a organización de campañas de investigación na comarca que logo son publicadas nos diversos atlas de vertebrados e na serie de monografías sobre a natureza do Baixo Miño que publica periodicamente, así como no boletín mensual O Carrizal.