animación

animación

(

  1. s f

    Acción e efecto de animar ou animarse.

  2. s f

    Calidade de animado.

    Ex: A animación desta rúa é debida á cantidade de xente que hai. A animación da conversa sempre a transmites ti.

    Sinónimos: calor, fervor.
  3. s f [SOCIOL]

    Acción destinada a crear e desenvolver actividades cunha finalidade educativa ou recreativa.

  4. [IMAX]
    1. s f

      Procedemento polo que se consegue que determinados debuxos, ilustracións, fotografías ou elementos presentes nestas xeren o efecto óptico de movemento en medios audiovisuais. As técnicas empregadas para lograr este efecto teñen en común que se basean nun universo de proporcións reducidas e non reproducen ningún elemento “real”. Así mesmo, na rodaxe empréganse técnicas de filmación por imaxe e, mediante diversos trucos, prodúcese a impresión de relevo e movemento. Comprende o debuxo animado, os monecos, títeres, collages, obxectos en movemento, gravados móbiles, sombras e outras composicións plásticas abstractas.

    2. animación cíclica

      Técnica do filme de animación que permite a economía de debuxos por repetición dun movemento.

    3. animación directa

      Técnica que se realiza directamente sobre o soporte, sen filmación.

    4. animación en continuidade

      Técnica que permite realizar un rexistro en vídeo de forma continua, alternativa á gravación de imaxe tras imaxe que se implementou en cinematografía, de tal xeito que o resultado da gravación se pode ver instantaneamente e corrixir se resulta necesario. Tamén se chama animación en vídeo.

    5. animación GIF

      Procedemento que se realiza empregando arquivos informáticos do tipo GIF e que se utiliza especialmente na Internet.

    6. animación limitada

      Procedemento introducido pola United Produtions of America despois de 1948 que consiste en dar movemento só ás partes substanciais do cadro e que, ademais de aforrar traballo e rebaixar o custo, permite achegar ao cine debuxos animados de estilos pouco habituais.

    7. animación por ordenador

      Técnica que se realiza empregando aparellos informáticos multimedia. As primeiras manifestacións artísticas da animación por ordenador limitáronse a pequenas cintas (primeiro de 30 segundos e logo de 1 minuto) que se presentaron en festivais de principios da década dos noventa. Na actualidade, existen dúas formas de empregar estas técnicas: como apoio á filmación tradicional ou como produto integral. Filmes que empregaron técnicas de animación por ordenador son, por exemplo, Star Wars. Episode I (A Guerra das Galaxias. Episodio I, 1999) ou The Prince of Egypt (O Príncipe de Exipto, 1998). A primeira longametraxe realizada integramente por ordenador foi Toy Story (1995), dos estudios Pixar, da que se presentou a segunda parte en 1999; seguíronlle Antz (Formiga Z, 1998), de Dreamworks Produtions, e A bug’s life (Bichos, 1999), presentada por Walt Disney. En Galicia, a empresa coruñesa Dygra traballou sobre o texto de El bosque animado, novela de Wenceslao Fernández Flórez, para facer unha longametraxe con estrea no ano 2000. Cun equipo técnico, artístico e de produción fundamentalmente galega, constitúe un dos proxectos máis ambiciosos da industria multimedia galega, que conta co asesoramento de especialistas norteamericanos en animación. Este guión xa fora obxecto dun intento de convertelo en filme por Walt Disney xusto antes da súa morte, pero o proxecto quedou esquecido ata a década dos noventa.

  5. animación teatral [ESPECT]

    Conxunto de accións, actividades e programas orientados á promoción do teatro, ben desde unha perspectiva creativa e comunicativa na que poden participar os máis diversos axentes e beneficiarios (o teatro como expresión), ben como alternativa de lecer e tempo libre (o teatro como espectáculo), sempre co obxectivo de potenciar a participación cidadá nos procesos de expresión, creación, comunicación e recepción teatral. Tradicionalmente no ámbito da animación teatral agrúpanse prácticas teatrais moi diferentes. A maioría delas sitúanse na esfera do teatro afeccionado -escolar, comunitario, terceira idade-, mais na actualidade tamén se consideran outras actuacións promovidas ou potenciadas desde as estruturas propias do teatro profesional como a creación de repertorios ou as campañas de captación ou consolidación de públicos. É esta unha denominación coa que se vén designando tanto o campo de estudo sinalado, como a disciplina que o estudia, en función da súa dimensión sociocultural, educativa, escénica e artística, aínda que nos últimos anos vai cobrando forza o sintagma Teoría da Animación Teatral para designala. O seu desenvolvemento disciplinar e profesional ten sido especialmente significativo en Italia, Francia, Bélxica ou Canadá, países onde tamén goza dun crecente recoñecemento académico e institucional, principalmente no ámbito dos estudios teatrais e en titulacións vencelladas á formación de formadores e do profesorado, á Educación Social ou á Animación Sociocultural. A figura do animador teatral, como axente sociocultural cun campo de actuación propio e sumamente especializado, precisa tanto de iniciativas orientadas a favorecer a súa formación e cualificación como de medidas que contribúan ao seu recoñecemento profesional, potenciando que poida exercer as funcións que lle son propias en entidades, servicios ou departamentos relacionados co feito teatral, tanto naqueles que dependen das diferentes administracións como os que promoven outras entidades e organismos públicos e privados.

Palabras veciñas

Ánima | Ánima + L | animable | animación | animado -da | animador -ra | animadversión