antiforismo
(
Movemento contrario á institución do foro. Durante o século XIX a cuestión foral apareceu como o maior problema relacionado coa propiedade das terras en Asturias, León e Galicia, onde se considerou unha das causas primordiais do atraso no que se atopaba o agro. Dende mediados de século xorden propostas que inclúen a redención foral; autores como Colmeiro (1843), Castro Bolaño, Sánchez Villamarín ou Montero Ríos, protagonizaron campañas en favor da modificación ou supresión do sistema foral que desembocaron en dous grandes sucesos en 1864: a presentación no Congreso dos Deputados do primeiro proxecto de lei de rendención de foros, elaborado por Pelayo Cuesta; e a convocatoria por parte da Sociedade Económica de Santiago do I Congreso Agrícola, onde se impuxeron as posturas máis moderadas. O segundo intento de reforma tivo lugar durante a Primeira República, ao aprobarse, en agosto de 1873, un proxecto de lei presentado por Paz Novoa, que contemplaba a redención de foros, subforos e censos frumentarios. A lei estivo en curso só seis meses ao ser abolida polo goberno da Restauración. Volveron sucederse posteriores proxectos redencionistas, como os de Calderón (1877), Montero Ríos (1886), González Besada (1907), José Canalejas (1912), José Estevez (1914) ou Eduardo Vicenti (varios desde 1904). Ao principiar o século XX o activismo antiforal, redencionista ou abolicionista, cobra novos pulos da man das organizacións agrarias e dos partidos políticos, sobre todo de esquerda e nacionalistas. Inícianse así as redencións forais de xeito sistemático, regulamentadas por lei no decreto de redención de foros de 1926, emitido polo goberno de Primo de Rivera.