araña

araña

(

  1. s f [ANIMAL]

    Denominación común dos artrópodos da orde Araneae, que pertence á clase dos arácnidos, e que engloba unhas 35.000 especies. As arañas distínguense doutros arácnidos pola presenza dun pedicelo que une o prosoma co opistoma. A maioría das arañas presentan oito ollos, especialmente desenvolvidos nas especies diurnas que cazan sen arañeiras, e reducidos en tamaño e número, ou mesmo ausentes, noutras que non dependen da visión para a captura das presas. A maioría das arañas presentan os quelíceros conectados a través de condutos a glándulas secretoras de veleno. Non obstante só se coñecen seis especies perigosas para o ser humano, polo que a inmensa maioría delas resultan inocuas e altamente beneficiosas como controladoras naturais dos insectos. As patas están dotadas de pelos sensitivos e dos chamados órganos liriformes, con función quimiorreceptora. O sentido olfactivo localízase nas xunturas do rostro e dos pedipalpos. No opistosoma sitúanse uns órganos denominados fieiras, en número de catro pares, onde desembocan as glándulas da seda. Algunhas femias teñen, diante das fileiras, unha placa con perforacións, por onde xorde a seda. Estas arañas teñen tamén un órgano en forma de peite, denominado calistro, que fía a seda producida. Os palpos dos machos están transformados en órganos copuladores. Os machos deben cargar estes aparellos copuladores co esperma que sae do poro xenital na cara ventral do abdome. Para isto o macho tece unha arañeira seminal onde descarga un pouco de esperma que logo recolle coa estrutura copuladora. A cópula ten lugar ao introducir o macho os palpos no poro xenital da femia. Nalgu-nhas especies o macho antes do apareamento efectúa danzas ao redor da femia ou envíalle unha mensaxe telegráfica na súa arañeira para avisar da súa presenza e intención. O código que rexe esta comunicación é diferente para cada especie, o que dificulta a reprodución entre especies distintas. Nalgúns casos o macho agasalla a femia cunha presa que é consumida mentres dura a cópula. En caso de non ser correspondido, o destino do macho pode ser servir de alimento á femia, case sempre de tamaño moito maior. Despois do acoplamento, a femia pon os ovos nun casulo protector tecido por ela mesma. En case todas as especies as femias coidan da posta ata o momento da eclosión, defendéndoa principalmente do ataque de parasitos, sobre todo pequenas nespras. Dos ovos nacen unhas ninfas nun principio gregarias. Nesta forma, denominada prolarva, presentan no extremo dos palpos un pequeno dente que lles axuda a rachar a envoltura externa do ovo; esta estrutura, que perde coa primeira muda, é equiparable ao diamante que portan no peteiro as aves recén nacidas e que serve para romper a casca do ovo. Nesta fase a prolarva mantense totalmente inactiva ao ser cega e sen sedas sensoriais. Trala muda, na fase denominada larva, xa dispón de ollos e dalgunhas sedas; aínda así carece da capacidade para producir veleno e seda, polo que dependen das reservas. Non é ata a seguinte muda cando pode valerse por si mesma; tende á dispersión e a ocupar microhábitats distintos aos dos adultos para evitar no posible a competencia ou depredación. Nalgunhas especies as femias capturan presas que entregan enteiras ás ninfas, e noutras regurxitan alimento que as ninfas recollen directamente da boca da nai. Nas especies que non tecen arañeiras as femias portan o casulo cos ovos e, despois de emerxer as ninfas, estas continúan coa nai cubrindo o seu abdome. A seda pode servir para viaxar de forma pasiva a longas distancias coa axuda do vento, fundamental na dispersión das ninfas. De distribución cosmopolita, están presentes en todos os medios, desde as rexións tropicais ata as zonas polares. A maioría das especies son terrícolas, pero existen algunhas cavernícolas e acuáticas, incluso mariñas. Todas as especies son carnívoras. A súa fonte maioritaria de presas son os insectos, aínda que se teñen observado arañas comendo a súa propia arañeira ao estar ateigada de pole. Tamén hai algunhas especies comensais, como as arañas mimercófilas, que viven nos niños das formigas, e as arañas termitófilas, que viven nos niños dos térmites. A orde das arañas divídese nas familias dos amauróbidos, anifaénidos, araneidos, atípidos, axelénidos, clubiónidos, ditínidos, dispéridos, erésidos, escitódicos, esparásidos, filodrómidos, fólcidos, gnafósidos, háhnidos, licósidos, linífidos, liocránidos, métidos, mimétidos, nestícidos, oonópidos, oxiópidos, pisáuridos, saltícidos, sexéstridos, teridiosomátidos, tetragnátidos, tirídidos, tomísidos, ulobóridos, zodáridos e zóridos.

  2. s f [ANIMAL/ICT]

    Peixe de corpo alongado e comprimido lateralmente que pode acadar arredor dos 40 cm de lonxitude, de cores prateadas, con raias oblicuas e escuras nos flancos. Ten a cabeza comprimida, a boca grande disposta de forma oblicua e a zona superior do ollo protexida por dúas espiñas. Presenta de 4 a 7 radios espiñentos provistos de glándulas velenosas na primeira aleta dorsal, que é máis curta ca a segunda aleta dorsal e a anal, cunha mancha negra; tamén teñen algúns aguillóns velenosos nos opérculos. Atópase nas augas costeiras de Galicia, onde se enterra nos fondos areosos mediante movementos da aleta anal. Aliméntase de peixes e pequenos invertebrados, como os camaróns.

    Confrontacións: faneca.
  3. [ANIMAL]
    1. s f

      Crustáceo decápodo de abdome ben desenvolvido e flexionado debaixo do tórax, e as primeiras extremidades en forma de quelípodos. Son de cor vermella con liñas azuis transversais. Viven no Atlántico en fondos rochosos, dende a franxa infralitoral ata os 600 m de profundidade.

    2. s f

      centola.

    3. araña de mar

      Nome de diversos crustáceos decápodos braquiúros, particularmente dos xéneros Inachus e Macropodia. Viven nas zonas litorais, entre rochas e algas.

  4. s f [DEC]

    Lámpada de teito que dispón de pezas de cristal colgadas dos brazos, a semellanza dunha araña.

    Ex: A araña que colga do teito do salón rexio ten máis de cen anos.

    Confrontacións: candeeiro, candelabro.
  5. s f [ENX]

    Conexión feita cos extremos de todos os cables que entran nunha estación eléctrica distribuidora para deixar fóra de circuíto a árbore de transmisión, a estrutura e o cadro de mandos sempre que sexa necesario facer reformas ou reparacións importantes, sen deixar de alimentar o sector da rede correspondente.

  6. s f [MAR]
    1. Conxunto de cordas ou de pequenos cabos que saen dun mesmo punto en direccións diverxentes, especialmente os empregados para soster os chinchorros.

    2. Peza de madeira con varios buracos e poleas polos que pasan diferentes cordas, e que evita que se enrede a vela cos cabos que guarnecen os paos.

  7. arañas vasculares [PAT]

    Tipo de telanxiéctase formada por unha arteriola central e distintos capilares centrífugos. Aparecen sobre todo na insuficiencia hepática.

  8. araña vermella [ANIMAL]

    ácaro.

  9. patas de araña [TECNOL]

    Conxunto de rañuras efectuadas na superficie de rozamento dunha chumaceira para facilitar a distribución do aceite de lubrificación.

  10. tea de araña

    arañeira.