aristotelismo
(< Aristóteles + -ismo)
Nome co que se designa a doutrina de Aristóteles e os aspectos desta doutrina que callaron no pensamento doutros filósofos e escolas posteriores. A influencia de Aristóteles foi considerable ao longo da historia, exercida primeiramente dende o Liceo e a denominada Escola Peripatética. Desde a recompilación do corpus aristotélico feita por Andrónico de Rodas no s I a C na Biblioteca de Alexandría, o aristotelismo renaceu sobre todo nesa cidade exipcia. Boecio intentou unha síntese de aristotelismo e platonismo, e traduciu ao latín diversas obras de Aristóteles, única fonte do aristotelismo medieval en Occidente antes do s XII. A tradución directa de Aristóteles do grego non foi rematada na súa totalidade ata ben entrado o s XIII, mercede ao esforzo de Bartolomé de Messina, Robert Grosseteste e Guillerm de Moerbeke. Nun principio, o aristotelismo penetrou na Facultade de Artes de París confundido co averroísmo. A Filosofía e a Teoloxía escolástica intentaron asimilar a Aristóteles: nesta liña sitúase a obra de santo Alberte Magno e de san Tomé de Aquino (tomismo). A Física de Aristóteles fornecíase dunha imaxe do mundo que semellaba incompatible coa doutrina cristiá: a autoridade eclesiástica interveu prohibindo a Física aristotélica (Concilio Provincial de París, 1210), a pesar do cal, a concepción cosmolóxica de Aristóteles foi a base directa da física occidental do s XIII; de xeito semellante, a súa bioloxía dominou o panorama das ciencias biolóxicas deste século; noutros campos, en Botánica e Zooloxía, os modelos e clasificacións da época foron os de Aristóteles e Teofrasto. No s XIV comezaron a xurdir certas oposicións á Física aristotélica (Hasday Cresques, Alberte de Saxonia e Buridano) e aos aspectos filosófico-teolóxicos da súa obra (Guillerme de Occam). Co Renacemento, a influencia de Aristóteles entra nunha crise maior. En Física, os conceptos básicos de Aristóteles, movemento, lugar, tempo e natureza, criticados xa por Nicolao de Cusa e Leonardo Da Vinci, foron abandonados pola ciencia moderna. Leibniz (1646-1716) buscou o marco e o aparello dunha fundamentación filosófica no pensamento aristotélico. Nos ss XIX e XX pódense mencionar aspectos do aristotelismo presentes na ‘doutrina da intencionalidade’ de Brentano, nalgúns momentos do idealismo e en certas tendencias vitalistas. Na Península Ibérica, como en toda Europa occidental, os textos de Aristóteles foron utilizados durante a Idade Media xunto cos de Porfirio e Boecio e, sobre todo dende o s XIII, os de Pedro Hispano. Dende mediados do s XV divulgáronse numerosas traducións das obras de Aristóteles, acompañadas dunha revitalización do ensino peripatético, por obra especialmente do tomista dominico Ángel Estanyol (?-1597) e do escotista Pedro de Castrovol, autor dos Commentum super libros Ethicorum (Barcelona, 1489). A finais do s XVI e durante a primeira metade do XVII o peripatetismo escolástico aínda mantivo unha certa vitalidade, pero o aristotelismo escolástico iniciou un longo período de decadencia que había de durar ata finais do s XVIII e que obrigou ás distintas ramas do pensamento aristotélico a unificarse ante os avances da filosofía da Idade Moderna, antes do idealismo e do vitalismo dos ss XIX e XX, que revalidan e actualizan certos aspectos da doutrina aristotélica.