Artes Poéticas
Obras ou tratados teóricos en latín ou romance que, ao longo dos ss XII-XIV, tentan explicar cómo se debe compoñer poesía. O nacemento destes tratados inscríbese no ambiente cultural producido polo auxe das universidades, da escolástica e o desenvolvemento do trivium e o quadrivium. Este tipo de obras sempre se compuxeron con posterioridade á existencia do apoxeo dun movemento literario e o afán que as guía é sempre didáctico. Son as obras dos grandes poetas de cada época as que serven de norma a aqueles preceptistas que pretenden teorizar ou ensinar algo sobre un determinado aspecto literario. A estas normas sométense os poetas novos que queren compoñer a imitación dos autores clásicos dunha certa época. As cousas que están permitidas e prohibidas á hora de compoñer poesía é algo que lle preocupou ao home desde o comezo; boa mostra disto son as obras dalgúns clásicos como Aristóteles coa súa Poetica, Horacio coa epístola Ad Pisones ou mesmo, o xa máis achegado no tempo, santo Isidoro de Sevilla, quen nas súas Etimologías lle dedicou algúns capítulos ao estudo da poesía. O punto de partida de todas as artes poéticas escritas en latín ao longo dos séculos XII e XIII está nas obras clásicas de Cicerón e Horacio. Son cinco os tratados: Ars versificatoria de Matthieu de Vendôme, Poetria nova de Geoffroi de Vinsauf, Ars versificatoria de Gervais de Melkley, Laborintus de Évrard L’Allemand e Poetria de Jean de Garlande. A función principal destas obras non é outra ca a de proporcionar pautas para compoñer poesía, tentan ensinar cómo facer poesía. A finalidade didáctica rexe tamén aquelas artes poéticas medievais escritas en lingua romance. A lingua dos trobadores foi a primeira na Idade Media que deu orixe a tratados nunha lingua que non fora o latín. O movemento poético e cultural que naceu na Provenza difundiuse rapidamente polas zonas limítrofes; nestas zonas xurdiron autores que querían compoñer a imitación daqueles mestres que alababan á dama amada na súa propia lingua. Estes afeccionados, procedentes dunha área lingüística distinta á provenzal, non coñecen á perfección a lingua dos herdeiros de Guilhem de Peitieu. Os primeiros tratados en provenzal non son tanto poéticas como gramáticas, que tiñan como obxectivo principal o de ensinar a estes autores estranxeiros cómo debían escribir ben en lingua d’oc. Nestes textos, cataláns e italianos, aprendían as regras gramaticais para compoñer poesía correctamente. O primeiro tratadista é o catalán Raimon Vidal de Besalú, que compuxo a comezos do s XIII unha gramática chamada Razós de trobar coa que pretendía ensinar a escribir de forma correcta. Esta mesma é a finalidade doutras dúas obras: o Donatz proensals de Uc Faidit (escrito en Italia arredor do ano 1243) e a Doctrina d’acort de Terramagnino da Pisa (redactada en Sardeña entre 1282 e 1296). Cara a finais deste s XIII comezan a aparecer as verdadeiras artes poéticas en romance, aquelas que atenden a aspectos versificatorios e literarios. Así, como complemento ás Razós de Raimon Vidal, outro catalán escribe a Doctrina de compondre ditats que, aínda que moi curta, clasifica e define os xéneros literarios. En Sicilia, entre os anos 1289 e 1291, o trobador catalán Jofre de Foixà compuxo as Regles de trobar que, ademais de ser unha gramática, contén citas de trobadores e observacións literarias e versificatorias. No primeiro terzo do s XIV temos o Doctrinal de trobar de Raimon de Cornet, o Mirall de trobar de Berenguer d’Anoya e unha antoloxía de poesía catalá (compilada despois de 1346) coñecida como Cancioneiro de Ripoll que se abre con dous tratados en prosa que versan sobre os xéneros e as combinacións estróficas. Neste século un grupo de trobadores de Toulouse tenta restaurar a poesía provenzal e para levar a cabo este fin, despois de celebrar o seu primeiro certame poético en 1324, encárganlle ao xurista Guilhem Molinier que redacte un tratado gramatical e poético; esta obra foi publicada en 1356 co nome de Las leys d’amors, obra de vital importancia para o coñecemento do movemento trobadoresco debido á súa riqueza en temas gramaticais, retóricos, estilísticos e versificatorios. Existen tres redaccións da obra de Molinier: a primeira, realizada entre 1328 e 1337, está escrita en prosa; a segunda, compúxose en verso entre 1337 e 1343; e, a terceira, en prosa igual ca a primeira, de 1355. Os tratadistas posteriores á realización das Leys terán nela un modelo ao que seguir: Joan de Castellnou compón en 1341 un Glosari á obra de Raimon de Cornet, así como o Compendi de la conoxença dels vicis que es podon esdevenir en los ditats del Gay Saber; Jaime March redacta o Libre de concordances ou Dicionari de rims no ano 1371 e Luys d’Averçó verte as súas ideas sobre a arte compositiva no Torcimany, que data do último terzo do século XIV. Neste mesmo século, pero no ámbito galego-portugués, contamos coa fragmentaria Arte de trobar inserida no inicio do Cancioneiro da Biblioteca Nacional. Se todos os tratados anteriores tiñan un afán didáctico, o desta é, se cadra, aínda maior: a súa finalidade é, ante todo, a de axudar ao lector a recoñecer as formas e as modalidades temáticas. A influencia e a importancia que acadaron todas estas obras corrobórase tamén nos manuais que se escribiron en Castela ao longo do s XV; entre outros: a Arte de trovar ou Reglas como se debe trovar de don Juan Manuel, a Arte de trobar de Enrique de Villena, ou a publicada en 1423 (co mesmo título ca a anterior) por Juan del Encina.