Atlántico, Océano
Océano que forma unha franxa en forma de S entre as costas de América e as de Europa e África, e queda limitado, na parte N, polo Océano Ártico, mentres ao S se abre totalmente ao Antártico. É o segundo en superficie con 82.880.000 km2; 92.111.000 km2, contando os mares adxuntos. A profundidade media é de 3.322 m, e a máxima acada os 8.380 m (Fosa de Porto Rico). Acolle un volume aproximado de 3.530.000.000 km3 de auga, sendo o océano que recolle a maior superficie de drenaxe, recibindo as augas dos ríos máis grandes do planeta que verten directamente nel (Amazonas, Mississippi, Orinoco, San Lourenzo, Río da Prata, Congo, Níxer, Rin, Elba), ou nos seus mares adxacentes: Mediterráneo (Nilo), Báltico e Mar Negro. As costas do Atlántico setentrional, en contraste coas do Atlántico meridional, están moi recortadas, incluíndo grandes illas (Islandia, Grenlandia, as Illas Británicas, As Antillas), e baías (Baffin, Hudson), golfos (México, Bizkaia) e mares tributarios (Caribe, Báltico, Mar do Norte, Mar Negro). O relevo submarino está presidido por unha gran cadea que o atravesa de N a S, a Dorsal Atlántica, que á altura do Ecuador adopta unha dirección NO-SL, cortada pola fosa do Romanche (7.728 m de profundidade), para retomar a dirección meridiana (N a S) ata acabar afundíndose na fosa das illas Sandwich do Sur (8.264 m). Nalgúns lugares, esta dorsal aflora á superficie, constituíndo os arquipélagos volcánicos dos Açores, Ascensión, Santa Helena, Tristán da Cunha, Gough e Bouvet. Os sedimentos litorais bordean os continentes desde a costa ata os límites das grandes concas. É o máis novo dos océanos; a súa historia xeolóxica principiou hai 150 millóns de anos, ao separarse as placas eurasiática e norteamericana, proceso que continúa a un ritmo medio de 5 cm anuais. No punto de contacto das placas xorde a xa mencionada Dorsal Atlántica, produto da extrusión de materiais magmáticos (gabros, basaltos e serpentinas). A maior parte dos fondos oceánicos están cubertos de lamas calcarias. A temperatura da auga na superficie acostuma ser de 1°C máis alta ca a do aire co que está en contacto; a salinidade oscila entre o 35% e o 37%. O xeo é abundante, principalmente en forma de icebergs. Na metade setentrional, as correntes mariñas atópanse relacionadas coas correntes atmosféricas. Cerca do Ecuador a corrente ecuatorial do Sur pasa a rentes da costa de América do Sur e a ecuatorial do Norte diríxese cara a Florida; estas dúas correntes quentes son as que alimentan a corrente do Golfo. As dúas correntes frías veñen do polo. Na metade meridional atópase a corrente ecuatorial do Brasil, de dirección L-O, que vira despois e diríxese cara ao S, cerca das costas americanas. As correntes frías tamén son dúas e diríxense de S a N: unha pasa polas Malvinas, e a outra, paralelamente á costa africana. Nos contrastes entre as correntes quentes e frías (frontes), orixínanse áreas de baixas presións, que se desprazan polo xeral dende as costas de Terranova ata Islandia e o litoral europeo, no hemisferio norte, e no sentido inverso no hemisferio sur, debido á forza de Coriolis. As borrascas adoitan ser máis fortes no inverno que no verán, debido ao maior contraste térmico das masas de distinto signo. En latitudes tropicais, entre os 15° e os 30° en ambos os hemisferios, aséntanse áreas de altas presións. Na zona de converxencia intertropical, no Ecuador, hai un cinto de ventos permanentes orixinado polos movementos convectivos das masas de aire. As illas que se atopan no Atlántico pódense clasificar, pola súa orixe, en illas volcánicas e illas continentais. Desde o punto de vista biolóxico, as áreas máis ricas do Atlántico son aquelas onde se poñen en contacto as correntes cálidas coas frías (Terranova, Noruega, Sáhara Occidental, África do Suroeste), onde a abundancia do plancto atrae os bancos de peixes. A pesca nas súas augas representa o 50% da mundial, e nel están os principais caladoiros onde faena a flota galega: o Gran Sol, o Banco Canario-sahariano, Marrocos, as Malvinas, África Austral, NAFO e os do noso propio litoral. As especies capturadas son moi diversas, dende peixes como a pescada, os túnidos, o bacallao, o peixe espada, o rapante, as sardiñas ou o peixe sapo ata cefalópodos e crustáceos. Esta actividade é de capital transcendencia para as economías das comarcas litorais de Galicia, representando o 3,5% do PIB galego (1994) e proporcionando 41.600 empregos directos (tripulantes de embarcacións). Ademais, as actividades relacionadas con ela (comercio, marisqueo, acuicultura, industria conserveira e conxeladora, e industrias auxiliares) dan traballo directo a outras 78.000 persoas. Outro dos principais recursos económicos que ofrece o Atlántico son os hidrocarburos. As primeiras prospeccións petrolíferas tiveron lugar durante a Primeira Guerra Mundial no lago Maracaibo (Venezuela), que conecta co mar Caribe por medio dun canal. Na década de 1940 comezou a explotación dos xacementos do golfo de México. Tamén hai xacementos en explotación no Mar do Norte e na costa occidental de África, principalmente no delta do Níxer e no golfo de Guinea. As exploracións científicas non comezaron ata a metade do s XIX, cando o americano Matthew F. Maury confeccionou a primeira carta de profundidades do Atlántico norte (1854); despois da Primeira Guerra Mundial, coa intervención da sonda acústica (1922) fóronse debuxando os fondos con máis precisión. Pero foi a partir de 1945 que comezou en realidade o desenvolvemento sistemático da oceanografía atlántica, cos navíos Albatross (sueco) e Galatea (dinamarqués). O Atlántico foi durante toda a Antigüidade e a Idade Media un mar descoñecido e tenebroso. Só no s X os normandos chegaron ás costas de Grenlandia e de América do Norte. Pero non foi ata o s XV cando se emprendeu unha exploración sistemática das costas atlánticas que acabou coa travesía do océano. As primeiras exploracións foron obra dos portugueses, que entre 1418 e 1488 percorreron todo o litoral do Atlántico oriental e os arquipélagos próximos. Os casteláns foron os primeiros, na época moderna, en chegar ás costas americanas (1492). Pero este exclusivismo ibérico non foi aceptado polos ingleses nin polos holandeses, que axiña intentaron apoderarse dunha parte das riquezas que sucaban o Atlántico, xeralmente por medio da piratería máis ou menos axudada polos propios gobernos. No s XVII, os verdadeiros amos do Atlántico foron ingleses e holandeses, que logo entraron en loita pola supremacía. A loita non estalou ata ben entrado o s XVIII e inclinouse a favor de Inglaterra despois das vitorias navais de Lago e de Quiberon (1759). A hexemonía inglesa, por outra banda, resentiuse fortemente da independencia dos EE UU, que representou un cambio importante no tráfico atlántico; e aínda foi máis a independencia das colonias hispánicas de América do Sur. Cada vez máis, os EE UU foron exercendo a súa influencia sobre as novas nacións, sobre todo despois da apertura do canal de Panamá (1920), que transformou todo o sistema de comunicacións a través do Atlántico. A partir da década de 1920, o avión revolucionou as comunicacións e o transporte, sobre todo de pasaxeiros. Durante a Primeira e a Segunda Guerra Mundial, o Reino Unido loitou polo dominio do Atlántico para asegurar o seu abastecemento, pero Alemaña declarou o bloqueo submarino da illa e, máis adiante, a guerra submarina total.