averroísmo

averroísmo

(

s m [FILOS]

Doutrina de Averroes e dos seus partidarios, que fai referencia especialmente á súa interpretación de Aristóteles. Averroes, que quixo restituír á súa pureza a doutrina aristotélica, non puido evitar nalgúns puntos a influencia dos comentarios neoplatónicos. Deulle á Filosofía unha significación propia, non dependente da fe nin oposta a ela, e tentou precisar as súas relacións coa relixión mediante a afirmación de tres graos de coñecemento: Filosofía -o grao máis elevado-, Teoloxía e Relixión, que representan planos diversos que converxen na mesma verdade. Afirmou a creación eterna do mundo por parte de Deus, que extraería da materia eterna as formas das cousas; tamén a existencia dunha xerarquía de intelixencias separadas, que moverían diversas esferas entre Deus, primeiro motor, e as cousas, compostas de materia e forma; e amais a teoría do intelecto axente, última intelixencia separada, causa do coñecemento intelixible nas ánimas individuais, único para todos os homes, ao cal pertencería todo aquilo de eterno que puidera existir no home. Coñecido en Occidente polas traducións ao latín de M. Escot (1228-1235), introduciuse primeiro na Facultade de Artes de París, o que deu lugar ao averroísmo latino, doutrina que contribuíu á introdución do Aristotelismo en Occidente, no momento en que, con certa oposición á interpretación de Averroes, a escolástica realizara un gran esforzo para canalizar dentro do pensamento cristián a influencia greco-árabe. O Averroísmo desenvolveuse durante cinco séculos (XIII-XVII) e moveuse entre tres teses principais: a unidade numérica do intelecto axente, tese que para os cristiáns parecía oposta á inmortalidade persoal; a eternidade do mundo e da materia que, en opinión dos teólogos, implicaba a negación da creación ex nihilo por parte de Deus; e a doutrina da dupla verdade: unha proposición pode ser filosoficamente verdadeira e teoloxicamente falsa. O pensador máis relevante do Averroísmo do s XIII foi Siger de Barbante (1235-1284) coa súa doutrina da unidade do intelecto humano. Algunhas das súas teses foron condenadas en 1277 polo arcebispo de París Étienne Tempier, porque implicaban doutrinas xulgadas incompatibles coa fe cristiá. O Averroísmo, sen embargo, persistiu en París ata o s XV (Juan de Jadun, morto en 1328, e Marsilio de Padua, morto en 1343), pasou despois a Italia, á Universidade de Padua, onde perdeu o seu carácter de controversia teolóxica e onde se caracterizou pola defensa da Física aristotélica (Nicoletto Vernia, Agostino Nigo, Marco Antonio Zimara).

Palabras veciñas

averno | Averno | Averroes | averroísmo | averroísta | Aversa | aversión