avestruz
(< ave + lat struthĭo ‘avestruz’)
Ave corredora duns 2 m de altura, a máis grande das especies vivas. Ten a cabeza pequena e pelada, cos ollos grandes e o bico ancho e aplanado de forma triangular. As ás e o tronco, que é moi voluminoso, están recubertos de plumas dunha cor grisalla nas femias e negra nos machos, mentres que as remeiras e as temoeiras son brancas. As ás son de dimensións reducidas e sérvenlles para aguantar o equilibrio mentres corren. Teñen as patas moi longas, rematadas en dous dedos; o interno está máis desenvolvido e remata nunha unlla. Viven en grupos nas sabanas e nos desertos de África e do suroeste de Asia, onde se alimentan principalmente de herbas, pequenos vertebrados e insectos. Foron obxecto dunha caza abusiva a causa das súas plumas, moi apreciadas como ornamento. Teñen sido domesticadas e criadas para a comercialización da súa carne con destino á alimentación humana.