avetarda

avetarda

(

  1. s f [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de gran tamaño de ata 100 cm de altura nos machos e 75 cm nas femias, de pescozo longo e patas longas e robustas; é a máis pesada de Europa. Ten a cabeza e o pescozo gris, a parte superior do corpo ocre con ondas negras e a inferior branca, as ás brancas grisallas coas puntas negras e a cola arrubiada cos lados brancos. O macho reprodutor distínguese por ter o peito e a parte inferior do pescozo de cor castaña e por presentar baixo o peteiro un bigote de plumas brancas; durante o cortexo invirte o sentido das plumas converténdose nunha bóla branca. É gregaria, de voo potente e fai o niño no chan en chairas abertas, sobre todo en terras dedicadas ao cultivo de cereais. A súa alimentación baséase na inxestión de herbas e grans, complementada con insectos, miñocas, ratos e ovos doutras aves. Distribúese amplamente pola rexión Paleártica, dende China ata a Península Ibérica e norte de Marrocos. Na Península Ibérica atópase a metade da poboación mundial, onde se comporta como sedentaria, localizada sobre todo en Castilla y León e Extremadura. En Galicia pode aparecer esporadicamente de paso, especialmente no litoral. Moi apreciada como peza de caza, diminuíu extraordinariamente o seu número; pero, trala prohibición da caza e a declaración de especie protexida (1986), produciuse unha lenta pero progresiva recuperación.

    Confrontacións: sisón.
  2. avetarda hubara [ANIMAL/ORNIT]

    Ave duns 63 cm de altura, coa cola e o pescozo longos, e as ás longas e estreitas. A parte superior do corpo é ocre e a inferior é branca, coa gorxa e o peito gris; a cola tamén é gris con bandas avermelladas. Caracterízase polas plumas negras que presenta aos lados do pescozo. Pódense distinguir tres subespecies: C. undulata fuertaventurae, endémica das Islas Canarias, C. undulata undulata, do extremo norte de África, e C. undulata macqueenii, dende Oriente Medio ata Mongolia.

Palabras veciñas

Avesta | avéstico -ca | avestruz | avetarda | avetoallas | Aveyron | avezado -da