Avís, orde de

Avís, orde de

Orde militar e relixiosa portuguesa fundada arredor do 1143 por uns cabaleiros entre os que se atopaba o seu primeiro gran mestre, Fernando Monteiro, para loitar contra os musulmáns e defender a relixión cristiá. Nun primeiro momento adoitou o nome de Nova Milicia. Foi aprobada polo Rei Afonso I quen a dotou de terras. Posteriormente, os seus membros erixíronse en confrades de santa María de Évora e, despois de ampararse no castelo de Avís, cerca de Évora, tomaron a denominación definitiva. En 1162 foi dotada de constitucións e adoitou a regra de san Bieito. Aprobada polo Papa en 1192, gozou de grandes riquezas. De 1213 a 1385 estivo baixo a autoridade da orde de Calatrava. En 1550 o Papa uniu o gran maxisterio da orde á coroa portuguesa. O Rei Xoán deulle como sinal, en campo de ouro, unha cruz flordelisada acantonada de dous paxaros de sable afrontados nos cantóns inferiores. Para entrar como cabaleiro tíñase que probar a nobreza dos sete primeiros apelidos. En 1789 foi reformada pola Raíña María I: secularizouna e transformouna en orde de mérito militar. Cando a familia real portuguesa se trasladou ao Brasil, pasou a ser unha orde nacional naquel país. Nos últimos tempos a insignia da orde foi unha cruz latina flordelisada de sinople e perfilada en ouro. A cruz pende dunha banda verde e, o manto do cabaleiro, branco.