Banda de Música Artística de Merza

Banda de Música Artística de Merza

Agrupación musical pioneira no mundo bandístico de Galicia, remontándose ás súas orixes, posiblemente, ao 1928. O primeiro director do que se ten constancia foi Anselmo González a quen substituíu o seu neto Roxelio Otero. Baixo a batuta deste director, no 1930, a formación dividiuse en dúas, orixinando así a Banda Vella dirixida polo citado mestre e por Mariano Rodríguez, e a Banda Nova dirixida por Ramón Sueiro e Manuel Blanco. O 13 de xullo de 1939 e baixo a dirección de Xesús Cao González, volvéronse xuntar as dúas formacións. Ao longo da súa traxectoria destacaron os directores: Xosé Fiuza, Francisco Beristain, Enrique González, Rafael Madrén, Feliciano Cagide, Alejandro del Río, Miguel de Santiago e José Rodríguez, actual director. A finais dos anos 70 comezou a traballar a Escola de Música da banda, nun principio da man de Amadeo Valero e Ramón Guzmán, dende a que se potenciou a actividade musical ata os nosos días. Actualmente conta con 57 compoñentes. Acadou o I Premio no Certame de Bandas de Música de Santiago de Compostela (1911); III Premio no Certame de Cangas (1985); III Premio do Certame de Bandas de Lalín (1990) e a Mención de Honra no I Certame Galego de Bandas de Música Populares (1995).