Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal
O antecedente máis claro desta agrupación foi a Banda de Música de Tabagón, fundada en 1880 por Manuel González Groba e dirixida posteriormente por Pablo Piedra González, dende 1925 ata a súa desaparición en 1965. Outros grupos musicais que se poderían considerar como antecedentes son A Banda do Maestro Ulloa, Os Cesteiros de Novás (1933) e Música dos rapaces (1946-1949). O promotor desta iniciativa musical foi José Flores Costas, sendo a presentación da Agrupación Musical do Rosal o 4 de maio de 1986, formada por 40 rapaces e dirixida por Laureano Matos Barcia, que acadou en 1987 o II Premio no Certame de Bandas Populares Galegas de Cangas. Dende finais de 1987 dirixiu a banda José Luís Represas Carrera e o grupo participou en distintos encontros e festivais ata que en 1989 organizou o I Festival de Músicos Xoves. En 1989 a banda contou coa dirección esporádica do profesor Vicente Esparza Roselló, logo retomou a batuta José Luís Represas ata que se fixo cargo da dirección Bolívar González en agosto do 1989. En decembro de 1990 entrou como novo director da agrupación José Vicente Simeó Máñez e ao ano seguinte recibiron o II Premio no Primeiro Certame de Bandas de Música de Lalín, e presentaron o Grupo Clásico de Metais Alfonso Ulloa (1992), grupo de cámara formado por membros e profesores da agrupación, e a Banda Infantil da Escola de Música (1994), dirixida por Celso Diego Martínez. A Agrupación Musical do Rosal recibiu o I Premio do Certame Galego de Bandas de Música Populares nos anos 1995 e 1996. Presentouse en 1996 o novo grupo de metais Brass Junior, formado polos músicos máis novos. En 1998 o número de membros da banda titular era de 84 músicos; a formación xuvenil contaba con 51 membros e a infantil con 42. En 1999 foi galardoada co Premio da Crítica Galicia.