Banda de Música Artística de Arcade
Agrupación musical fundada en 1868 por Antonio Perdiz, formada por 10 compoñentes. No período comprendido entre 1876-1890, faise cargo da banda Xosé Pereira, substituído polo seu fillo Xosé Pereira que a dirixiu ata 1899. A continuación fíxose cargo Xesús Reguera, quen en 1905 se levaría a todos os músicos da banda naturais de Paredes e Ponte Sampaio e fundou a Banda de Paredes. Por este motivo, a banda de Arcade quedou moi reducida e, en 1905, será Baldomero Franco quen a reorganizou e dirixiu ata 1913, sendo relevado por Xoán Romay. En 1920 fíxose de novo cargo Baldomero Franco ata o 1928, cando Manuel Bouzón tomou a batuta e conseguiu o III Premio nun certame de Bandas de Pontevedra (1934). Ao ano seguinte cambiou de nome, e de denominarse Popular de Arcade pasou a ser Artística de Arcade. A súa época máis frutífera foi a comprendida entre o 1940 e 1960, anos nos que acadou o I Premio nun certame de bandas de Pontevedra e o II nun de Vigo. En 1974 ocupou a dirección Adonis Ferreiro durante cinco anos, substituído por Ramón Seara Otero no 1978, quen elevou o número de compoñentes a 40, cambiou o instrumental pasando do diapasón brillante ao normal e creou un grupo de gaitas. En 1987 asumiu a dirección da banda Óscar Orge Vidal.