barbo

barbo
Nome científico: [Barbus barbus, Fam dosciprínidos]
s m [ANIMAL/ICT]

Peixe doceacuícola de corpo robusto que pode acadar os 50 cm de lonxitude. A cabeza é relativamente curta coa boca situada en posición inferior. Presenta catro barbelas bucais no beizo superior; as dúas posteriores son máis longas e poden chegar á altura do extremo posterior do ollo. Ten unha soa aleta dorsal co primeiro radio osificado e o bordo posterior serrado. É de cor verdosa no dorso, máis clara nos lados, e amarela ou branca no ventre. Vive en augas continentais do suroeste e centro de Europa, onde se alimenta de invertebrados acuáticos e tamén de algas e vexetais acuáticos. Trátase dun peixe espiñento e de carne insípida, que se prepara frito, asado, etc. A súa pesca, con rede ou con cana, é do máis apreciado do río pola resistencia que ofrece a súa captura. En Galicia atópase a subespecie B. barbus bocagei, localizada nos cursos dos ríos Limia, Támega, Miño e Sil.

Refráns

  • O barbo é coma un touro, cando o trigo está louro.
  • O barbo vale ouro cando o trigo é louro.