bengalí
(< topónimo Bengala)
-
adx
Relativo ou pertencente a Bengala, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Bengala.
-
s
m
[LING]
Lingua indoeuropea da familia índica oriental, falada pola maioría da poboación do estado de Bengala Occidental (India) e de Bangladesh, territorios nos que é unha lingua de uso oficial. Pertence ao grupo de linguas máis faladas, concretamente a cifra de falantes aproxímase aos 165 millóns. O bengalí emprega unha escritura de seu, derivada do alfabeto brahmi xuntamente co devanagari.
-
adx
[LIT]
Literatura cultivada en lingua bengalí. Hai textos en bengalí desde o s XI d C, pero foi no s XV cando comezou un brillante período que, ata o s XVIII, se caracterizou polo cultivo da poesía místico-lírica, iniciada por Chandīdās (s XV) e Vidyāpati Thākur (s XV), polas adaptacións das obras sánscritas clásicas, pola influencia do movemento hindú Chaitanya e pola tradición narrativa en verso, con figuras como Mukundarām Chakravartī (s XVI) ou Bharatchandra (1712-1760), entre outros. Dende finais do s XVIII, fíxose patente a influencia occidental de personaxes como V. Hugo, A. Comte ou J. E. Renan e a actitude de renovación ideolóxica, relixiosa e social. Rāmmohan Rāy foi o vangardista dun movemento que instaurou as bases do teatro, a novela, a poesía moderna, e que culminou con Rabīndranāth Thākur, máis coñecido polo seu nome en inglés R. Tagore, que tipificou a síntese das tradicións oriental e occidental. Foi Premio Nobel de Literatura no ano 1913. Despois de R. Tagore e o poeta rebelde Kaji Nazrul Islam, os poetas máis populares son Sukanta Bhattacharya e Shanka Gosh. Na década dos sesenta, o grupo literario “a xeración sonada”, puxo máis énfase no alcance da xustiza social e deu autores como Uptalmukar Bose. Outros poetas destacados son Birendra Chattopadhyay, Jibendra Sinha Ray, Jagannath Chakravorty, Nirendranath Chilkaravarti e Jay Gosvami. Pola súa banda, a novela, segundo o concepto occidental, só ten un século e medio de existencia. Despois de Tagore e de Sarat Chandra Chatterjee, destacan Bidhutibhusan Banerjee, Tarasankar Banerjee e Manik Banerjee. Outros novelistas de importancia son Debesh Ray, Mati Nandi, Svarma Kumari Devi, Anurupa Devi, as irmás Sita e Shanta Devi, Nanavita Dev Sen, Kalkut (pseudónimo de Samaresh Basu), Bimal Kar, Ramapada Chaudhuri, Bimal Mitra, Sankar (pseudónimo de Manisankar Mukhopadhyay), Kamal Das, Prafulla Roy e Sirshendu Mukhopadhyay. Na narrativa curta sobresaen Sunil Gangopadhyay, Sushil Jana, Samaresh Basu, Bishu Mukhopadhyay e Atin Bandyopadhyay.
-
s
m
[ANIMAL/ORNIT]
Ave granívora de 10 cm de lonxitude, de peteiro vermello, cola curta e plumaxe de cor carmesí nos machos e castaña coa mitra vermella nas femias e nos novos, e salferida de branco nas partes inferiores e nas ás. Orixinaria de Paquistán, India e Indochina, reprodúcese en Exipto, Italia e Península Ibérica a partir de exemplares fuxidos da catividade. En Galicia obsérvase en humidais litorais.