Berlín, Congreso de

Berlín, Congreso de

Conferencia política reunida en Berlín do 13 de xuño ao 13 de xullo de 1878, presidida por Bismarck e convocada, baixo a presión de Inglaterra e Austria-Hungría, para revisar a paz de San Estéfano, pola que Rusia eliminaba a Turquía dos Balcáns. Rusia aceptou a división da Gran Bulgaria en dous sectores: a rexión norte como principado autónomo e a rexión sur como provincia otomana (Rumelia Oriental), dirixida por un gobernador cristián; recoñeceu tamén a independencia de Romanía, Serbia e Montenegro. Inglaterra recuperou Chipre, Austria-Hungría acadou a administración de Bosnia-Herzegovina e Rusia conservou Kars, Ardahan e Batumi.