Berlín Oriental ou Berlín do Este
Antigo sector oriental da cidade de Berlín que constituíu un bezirk da República Democrática Alemana, da que foi a capital ata 1990. Abranguía unha superficie de 403 km2, estendéndose sobre o territorio ocupado polo exército soviético ao remate da Segunda Guerra Mundial. Era a única cidade da RDA onde a participación do sector terciario na distribución do emprego e na produción era superior ao do sector secundario. Nela tiñan a sede todos os ministerios, todas as embaixadas e a maioría das institucións estatais. A constitución de 1949 considerou a Berlín como capital da RDA, pero ata o 13 de outubro de 1966 o Berlín Oriental non foi incorporado formalmente á RDA. No ano 1990 os dous sectores de Berlín fusionáronse para constituír o novo Berlín reunificado e converterse en capital de Alemaña.