Biblioteca do Mosteiro de San Xoán de Poio
Biblioteca organizada a partir de 1890 cos fondos bibliográficos do convento da Mercé de Conxo e cos dos bieitos residentes en Poio antes da chegada dos mercedarios. A partir de 1920 incorporáronse os libros de Guillermo Vázquez Núñez e en 1957 uns 4.500 volumes traídos polo escritor Antonio Rey Soto. Achegaron tamén exemplares Xosé Fernández Gallego, varias casas da orde da Mercé (Herencia, Ferrol, Madrid, Salamanca, etc) e o pai Emilio Silva de Castro, con obras procedentes do Brasil. Nos seus fondos atópanse libros nobiliarios e xenealóxicos, algúns tomos referidos á orde da Mercé, obras de bibliografía, coleccións de xornais galegos do s XIX, algunhas edicións de libros raros, libros editados nas imprentas de Mondoñedo como a Descripción del Reino de Galicia, do licenciado Molina, e obras do s XVI entre as que destacan as Sinodiales de Ourense, publicadas por Vasco Díaz Tanco en 1544.