Biblioteca do Real Consulado da Coruña

Biblioteca do Real Consulado da Coruña

Primeira biblioteca de carácter público creada na cidade da Coruña. Foi fundada en agosto de 1806 por un cóengo compostelán, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, ilustrado e importante economista da súa época, así como un dos fundadores da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela; realizou o discurso de apertura José Lucas Labrada. Este cóengo destinou para a creación da biblioteca unha importante cantidade de cartos, amais da súa biblioteca particular. Esta biblioteca ten un fondo xeral composto por volumes, revistas antigas e folletos, e posúe obras dos ss XVI a XIX, moitas delas de temática económica. Outros fondos chegaron grazas a doazóns, como a biblioteca de Xosé Cornide, ou a legados, como os libros e mobles da condesa de Mina, Juana de Vega, unha das principais organizadoras dos Xogos Florais de Galicia. Así mesmo, cómpre salientar a importante colección de gravados gardados no seu interior.