Biblioteca Gallega

Biblioteca Gallega
[PUBLIC/IND]

Editorial creada no ano 1885 por Andrés Martínez Salazar, que se encargou da dirección e da administración da empresa, e por Juan Fernández Latorre, que se responsabilizou do labor de impresión, empregando os talleres de La Voz de Galicia, xornal do que era fundador e propietario. Manuel Murguía será o primeiro autor en saír do prelo co seu libro Los precursores (A Coruña, 1885). Esta colección avogou pola literatura galega en galego e por iso reeditou Aires da miña terra, de Manuel Curros Enríquez, publicou os tres tomos de El Idioma Gallego de Antonio de la Iglesia, cando maioritariamente se falaba de “dialecto” para a lingua galega, e presentou obras moi diversas: Soaces dun vello, de Benito Losada, e Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal. Máis tarde impúxose un eclecticismo. Un polémico libro titulado La propiedad foral de Galicia de Eduardo Vincenti, situou a liña editorial próxima ao Monterismo que, unido á importancia que adquire a figura de Uxío Montero Ríos nese momento en Galicia, fixo que cesasen as colaboracións de republicanos históricos e importantes rexionalistas. Os dous socios separáronse en 1887. Por outra banda, cómpre mencionar os títulos e os autores que chegaron a publicar nesta editorial, entre os que figuran: Marcelo Macías, Ribalta, Neira, Cancela, García Ferreiro, Waldo A. Ínsua, Barcia Caballero, Lisardo Barreiro e López Ferreiro.