bica

bica

(< bico)

  1. s f [ALIM]

    Masa feita de fariña mesturada con ovos, manteiga, azucre e outros ingredientes como raspadura de limón e canela. Tradicionalmente, facía referencia a unha torta que substituía o pan cando este se terminaba e non se ía cocer outra fornada. Á masa, que se caracteriza porque non contén lévedo, dábaselle unha forma redonda e baixa colocándose sobre a lareira e cubríndose cun prato ou cun testo de barro, ao redor do que se colocaban as brasas. Nalgunhas localidades envolvíase a masa en follas de verza e introducíase nas brasas. Esta era a forma orixinal de cocer estas tortas de fariña sen fermentar, procedemento que tamén se empregaba para cocer o pan antes da utilización dos fornos. Adóitase comer quente. A bica é típica do Ourense oriental. Na Pobra de Trives celébrase a Festa da Bica o último domingo de xuño. Unha variante da bica é o fanchón, que se fai con fariña de millo. Na zona de Castro Caldelas (Ourense) é típica a bica amanteigada, unha torta delgada que se fai con masa fermentada, manteiga, ovos, azucre e outros ingredientes.

    Confrontacións: bola.
  2. [ALIM]
    1. s f

      Pan redondo e baixo, elaborado con fariña milla e sen lévedo, que se coce á porta do forno ou na lareira e se tapa cunha vasilla de barro que se cobre con brasas de pólas delgadas de piñeiro. 0BS Tamén se coñece co nome de bica milla.

    2. bica do pastor

      Masa de pan que se coce con touciño dentro.

    3. bica rapeira

      Pan moi delgado feito con lévedo e coa masa sobrante da fornada.

  3. s f [ETN]

    Cano por onde discorre o viño dende o lagar ata o pío.

    Sinónimos: bico, biqueira, picho, biqueira.
  4. s f [ETN]

    Cano por onde sae a auga nas fontes de pouco caudal ou parte da xerra por onde se bebe.

    Ex: Puxeron unha bica na fonte que había onde a igrexa.

    Sinónimos: bico, biqueira, picho, biqueira. Confrontacións: biquela.
  5. s f [ETN]

    Parte do arado que se emprega para ir facendo os sucos na terra.

    Sinónimos: rella.
  6. s f [PESCA]

    Remate en ángulo agudo, na proa das dornas, que empregan os pescadores do río Miño.

  7. s f [PESCA]

    Pequeno gancho do que se pendura un cebo e que se emprega para pescar sostido por un fío ou tanza.

    Ex: Tiña un peixe enganchado na bica.

    Sinónimos: amocelo, anzol.
  8. bica do can [XOGO]

    Xogo de rapaces e rapazas que forman unha roda coas mans collidas, quedando fóra un deles e outro dentro ao que chaman mariquiña. Este simula dar de comer a todos os da roda, dicindo: toma ti, toma ti..., e o que quedou fóra vai preguntando a cada un o que comeu. A mariquiña dá unha volta á roda e os que a forman fan o mesmo varias veces, e así que acaban pregunta o de fóra: U-la bica do can, Marica? Ela responde: ardeu. Os dous intentan collerse un ao outro, e a roda xira para que non se xunten. O de fóra segue a preguntar: Onde tes a bica do can, Marica?, e o de dentro a contestar: ardeu, ardeu. O xogo remata cando os da roda collen aos outros dous. Este xogo era popular de Ourense, da parroquia de Velle, segundo recolleu López Cuevillas.