bico

bico

(

  1. s m

    Acto e efecto de bicar ou bicarse.

    Ex: Deulle un bico na meixela con moito agarimo.

    Sinónimos: beixo.
  2. s m
    1. Prolongación da boca das aves formada por dúas pezas córneas.

      Ex: O paxaro levaba unha miñoca no bico.

      Sinónimos: peteiro.
    2. Boca das persoas.

      Ex: Cando ri torce un pouco o bico.

  3. s m

    Remate saínte na superficie ou boca de determinados recipientes por onde se verten os líquidos.

    Sinónimos: biquelo, picho, biquela.
  4. s m

    Parte máis elevada ou aguda dalgunha cousa.

    Ex: Subiuse ó bico dunha árbore.

    Sinónimos: bicarelo, petouto, pico, picoto, picouto. Confrontacións: cima, cume, curuto.
  5. s m

    Punta ou parte inferior da barba.

    Ex: Ten unha cicatriz no bico dunha caída en bicicleta cando era unha nena.

    Sinónimos: barba, barbadela, barbela, papo, queixelo.
  6. s m

    Parte da cabeza do porco, salgada e curada, que comprende a mandíbula superior coas orellas.

    Ex: Bótalle bico ó cocido.

    Confrontacións: queixal.
  7. bico da poda

    Bacelo con varios abrochos que se lle deixa á cepa ao podala para que lle saian novas ramas.

  8. bico da teta/do peito/do seo

    Punta redondeada e saínte no peito dos mamíferos.

    Ex: O neno ó mamar mancouna no bico da teta.

    Sinónimos: mamila. Confrontacións: mamadeira.
  9. bico de coral [ANIMAL/ORNIT]

    Ave granívora de 9 cm de lonxitude, de cola longa, peteiro vermello e plumaxe finamente raiada, de cor grisalla e acastañada coas meixelas brancas, unha franxa ocular vermella e o ventre carmesí. Orixinaria de África tropical e meridional, vive en espacios abertos con herbeiras altas. Aparece como ave autóctona en Brasil, California, Hawaii e en illas do Atlántico e do Pacífico. En 1964 soltáronse nas proximidades de Lisboa bandos desta especie que se estableceron nun principio en humidais asociados a cursos fluviais e logo tamén en mosaicos agrícolas con presenza de auga. Posteriormente colonizou a maior parte de Portugal e zonas de Extremadura e Galicia, onde chegou en 1980.

  10. bico do pé

    Extremo do pé onde están situadas os dedas.

  11. bico fendido/gallado/rachado

    Enfermidade conxénita que se manifesta polo beizo superior partido. Algunhas xentes supersticiosas de Galicia cren que o bico gallado se debe a que a nai tivo antollos de lebre durante o embarazo.

Frases feitas

  • Andar no bico dos pés. Andar apoiando só as puntas dos pés.

  • Pechar o bico. Calar.

  • Bico da escaleira. O chanzo máis alto.

  • Bico de espeto. Persoa que só come o que lle gusta.

  • Bico de pucho. Persoa que come pouco.

  • Bico de Xudas. Beixo que se dá con falsa intención.

  • Comer a bicos (a alguén). Beixalo repetidamente e con vehemencia.

  • Dar un bico á cabaza. Beber.

  • Darlle un bico á bota. Botar un ou máis grolos de viño, aplicando os beizos ao bico da bota.

  • Lambérselle os bicos a algunha cousa. Ter moi bo sabor unha comida.

  • Non abrir o bico. Non dicir nada, calar.

  • Non hai onde pousar o bico. Aplícase a unha situación que xa non se pode remediar.

  • Pasar polo bico algunha cousa a alguén. Amosarlle a un unha cousa agradable, facendo que a desexe.

  • Perderse alguén polo bico. Prexudicarse por falar do que non se debe.

  • Poñerse no bico das zocas. Incomodarse moito.

  • Querer o bico da ola. Querer o mellor.

  • Ter moito bico. Ter moita labia ou ser falador.

  • Torcer o bico. Pór mala cara ou estar en desacordo.

Refráns

  • Bicos e apertas non fan meniños, mais tocan a vésperas.
  • Boca bicada, muller gañada.
  • Non me fagas bicar, se non queres facerme pecar.
  • O bo bico fai o neno bonito.
  • O que sabe chegar e bicar, non se pode queixar.
  • Polo bicar escomeza a moza a esbarar.