Bloomsbury, Grupo de

Bloomsbury, Grupo de

Nome que recibiron os escritores, artistas e intelectuais ingleses que comezaron a reunirse arredor de 1905 na casa do barrio londinense de Bloomsbury, propiedade das irmás Stephen, Vanessa Bell e Virginia Woolf, e que mantiveron a súa actividade ata o ano 1941, aproximadamente. Formado, entre outros, por Lytton Strachey, Clive Bell, Leonard Woolf, E. M. Forster, Roger Fry, David Garnett e Maynard Keynes, non se consideraban un grupo nun sentido formal, aínda que os unía a convicción da importancia das artes. O seu pensamento pódese resumir na afirmación do filósofo G. E. Moore, que exerceu unha forte influencia no grupo, de que o principal na vida é o amor, a creación e goce da experiencia artística e a busca do coñecemento. Foron escépticos e tolerantes, e reaccionaron contra as limitacións artísticas e sociais da sociedade vitoriana. A través da escritura (novela, biografía, crítica de arte, economía, teoría política), a pintura (a obra de Vanessa Bell e Duncan Grant) e a edición (Leonard e Virginia Woolf deron a coñecer autores como Katherine Mansfield e T. S. Eliot por medio da editorial Hogarth Press dende o ano 1917) exerceron unha importante influencia nas vangardas do primeiro terzo do século.

Palabras veciñas

Bloomfield, Leonard | blooming* | Bloomington | Bloomsbury, Grupo de | bloque | bloque | Bloque Nacional