Calappa
Xénero de cangrexos decápodos braquiúros, de ata 12 cm de ancho, corpo globoso e cor críptica. A cuncha presenta expansións laterais onde encaixan as extremidades flexionadas ante unha ameaza. As pinzas teñen o mesmo tamaño e son moi anchas, coa palma dilatada en sentido vertical a xeito de escudos que protexen toda a parte anterior do corpo, especialmente os palpos e o resto das pezas da cabeza. Unha das pinzas presenta un esporón que lle serve ao animal para abrir os moluscos dos que se alimenta. O xénero engloba un centenar de especies distribuídas principalmente en augas quentes e mornas, en arrecifes de coral e costas rochosas. Na costa atlántica galega está presente a especie C. granulata de 75 mm de ancho por 60 mm de longo, de cor rosa amarelada con manchas rosáceas. Vive en fondos mariños de cascallo e area, comprendidos entre os 13 e os 400 m de profundidade, onde pode resultar común.