Calvo

Calvo
  1. [ONOM]

    Apelido que puido ter a súa orixe nun alcume ou nun topónimo. Na maioría dos casos, o apelido procede dun alcume que se aplicou a individuos carentes de cabelo. Pola súa banda, o topónimo Calvo está relacionado coa acepción anterior, xa que fai referencia a un lugar sen vexetación ou arborado. Tanto o topónimo como o alcume proceden do latín calvu ‘calvo, pelado, liso’. Documéntase no s X: “Pelagius Calvo” (doc ano [942-977] en J. Mª Andrade Cernadas O tombo de Celanova. Santiago de Compostela, 1995, p 226). Durante a Idade Media tamén apareceu a correspondente forma feminina: “Tareija Calua” (doc ano 1454 en X. Ferro Couselo A vida e a fala dos devanceiros. Escolma de documentos en galego dos séculos XIII ao XVI, II, 1967, p 59). A forma plural deste apelido é de orixe toponímica: “Ordonius P. de Calvos” (doc ano 1254 en Emilio Duro Peña Catálogo de los documentos privados en pergamino del Archivo de la Catedral de Orense (888-1554), 1973, p 83). Relacionados con este apelido están os diminutivos Calvelo (< latín calvu + sufixo -ellu), Calvín ou Calviño (< latín calvu + sufixo -inu) e Calvete (< latín calvu + sufixo -ittu).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe castelá que se espallou por toda a Península co proceso da Reconquista, chegando mesmo a Chile, Perú e Cuba. Descende, segundo algúns estudiosos, de Laín Calvo, conde e xuíz de Castela, ascendente de Rodrigo Díaz de Vivar e, segundo outros, do patricio romano Calvo Atenedoro. En Galicia establecéronse en Quirogás, concello de Verín, e en Camba. Emparentaron coa caste dos Sotelo dando lugar ao ilustre apelido Calvo Sotelo. As súas armas levan, escudo acuartelado: primeiro e cuarto cuartel, cinco lazadas ou nós corredizos, de prata, en aspa; segundo e terceiro cuartel, cinco veneras, de prata; escudete brochante sobre todo el, de ouro, cun lobo da súa cor, e por timbre o mesmo lobo pardo. Algúns heraldistas dan para a rama galega este brasón: escudo axadrezado de trinta e dúas pezas, dezaseis de prata e dezaseis de sable.

Refráns

  • Cabeza calva, peiteado antes da alba.
  • Ningún burro quedou calvo.