Cancioneiro da Bancroft Library
Copia do Cancioneiro da Biblioteca Vaticana realizada entre 1592 e 1612, dirixida a Juan Fernández de Velasco, duque de Frias e conde de Haro, gobernador español de Milán e embaixador en Roma. Descubriuno en Madrid, en 1857, o crítico brasileiro Francisco A. de Varnhagen. No 1983 apareceu entre unha serie de códices, procedentes do arquivo dos duques de Fernán Núñez, que adquiriu a Bancroft Library da University of Berkeley, en California. Consta de 276 follas, as tres últimas en branco; as composicións están dispostas en dúas columnas en letra cursiva e foron copiadas por tres escribas diferentes. A transcrición é fiel ao orixinal, se ben non foron copiados 43 poemas da parte final da colección. Contén, incluso, como parte integrante do cancioneiro, as notas á marxe que realizara Angelo Colocci no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana.