Cancioneiro da Ajuda
Manuscrito en pergamiño, designado normalmente coa letra A, datable entre finais do s XIII ou principios do XIV, e que contén a máis antiga mostra de poesía lírica en galego-portugués. Encóntrase na Biblioteca do Palácio da Ajuda, en Lisboa, e está constituído por oitenta e oito folios, agrupados en catorce cadernos, cunhas dimensións que oscilan entre os 438 e 443 mm de alto e os 334 e 340 de ancho. Está encadernado xunto cunha copia do Livro de Linhagens do Conde D. Pedro. Consta de trescentas dez cantigas que pertencen ao xénero de amor, compostas por trinta e oito autores. Está escrito por máis dun copista, con tinta negra e en letra gótica minúscula de procedencia francesa. O cancioneiro é unha obra incompleta: hai vestixios de folios mutilados, espacios baleiros que deberían estar ocupados por estrofas e folios en branco nos que seguramente deberían aparecer composicións de autores presentes na compilación ou doutros que se terían incorporado con posterioridade. Ademais, está inacabada porque só aparecen miniaturas ao principio do cancioneiro para marcar o comezo da obra dun novo trobador; o comezo de texto, de estrofa, de refrán e de fiinda recoñécense pola dimensión e pola ornamentación das letras iniciais, que non están sempre acabadas; non aparece a notación musical na primeira estrofa nin nas fiindas, aínda que si o espazo que lle correspondería, e nalgúns casos mesmo as palabras separadas por sílabas. Tendo en conta a organización tripartita de B e V, poderíase considerar como unha copia da sección das cantigas de amor dun cancioneiro preexistente. Os autores incluídos están ordenados por grupos: o primeiro remataría coa produción de Johan Nunez Camanes e estaría formado por un grupo de trobadores case que todos de orixe galega e activos na primeira metade do s XIII; o segundo grupo comezaría con Fernan Garcia Esgaravunha e terminaría con Pai Gomez Charinho, composto por unha gran maioría de trobadores portugueses activos na segunda metade do s XIII; o terceiro, estaría formado polo resto dos trobadores, maioritariamente galegos e activos tamén na segunda metade do s XIII.