Cancioneiro da Biblioteca Nacional
Compilación de cantigas da lírica galego-portuguesa identificada na tradición manuscrita coa sigla B e coñecida tamén como Cancioneiro Colocci-Brancuti. Ao igual que o Cancioneiro da Vaticana (V), B foi mandado copiar a principios do s XVI, entre 1525 e 1526, polo humanista Angelo Colocci a partir do Libro di portughesi que António Ribeiro, camareiro do Papa Clemente VII, lle prestara a un coñecido filólogo italiano, segundo amosan as investigacións de Elsa Gonçalves. O códice foi descuberto en 1875 por Costantino Corvisieri na biblioteca do conde Paolo Brancuti di Cagli. Adquirido despois polo filólogo italiano Ernesto Monaci, trala súa morte foi comprado polo goberno portugués (1934) que o depositou na Biblioteca Nacional de Lisboa, onde figura coa cota cod. 10991. Desde a súa descuberta foi obxecto de varias edicións, a diplomática de E. Molteni (1880) -que contén só os textos que non están presentes en V-, a semidiplomática de E. Paxeco Machado e J. P. Machado (1949-1964) e a facsímile preparada pola Imprensa Nacional-Casa da Moeda (1982). Segundo a descrición codicolóxica realizada por Anna Ferrari, no estado en que se conserva, o apógrafo contén varias lagoas e está formado por 355 folios de papel de 280-210 mm, numerados por Molteni e agrupados en 41 cadernos de desigual extensión. Os copistas que traballaron na confección do códice foron seis e todos de orixe probablemente ibérica; cinco deles empregan variedades gótico-bastardas, mentres que un, o copista principal, utiliza a cursiva itálica da chancelería papal. A estes amanuenses hai que lles sumar tamén a man do propio Colocci, que deixou a súa pegada na maior parte dos reclamos, nas rúbricas atributivas, na numeración das cantigas, no proceso de separación dos versos, así como en anotacións marxinais de distinta natureza que indican que o manuscrito foi para o humanista un útil instrumento de traballo que cotexou co seu exemplar. As cantigas están escritas en tinta negra; aparecen dispostas a dúas columnas e están divididas por versos, empregando para a súa separación distintos procedementos. O comezo de cada composición está sinalado por unha inicial adornada de maior tamaño ca a que marca o inicio das distintas estrofas. O manuscrito ábrese coa acéfala Arte de Trovar, que no inicio da parte conservada foi transcrita tamén polo humanista italiano. Aproximadamente, conta con 1560 cantigas, atribuíbles a cerca de 150 poetas, recollidos na chamada Tavola Colocciana (C) -índice elaborado por Colocci, copiado da súa propia man entre os folios 300-307 no Vat. Lat. 3217-, e ordenadas, salvo excepcións debidas á propia organización dos cadernos, por xéneros, como proban as rúbricas que inician cada sección e que constitúen o núcleo do cancioneiro. Amais destas cantigas inclúense os cinco lais de Bretaña que Colocci ordenou copiar tamén nos folios 276-278 doutro dos seus códices, o Vat. Lat. 7182, e algúns textos tardíos pertencentes á tradición poética do s XV. O Cancioneiro da Biblioteca Nacional constitúe, en definitiva, o máis completo dos manuscritos da lírica galego-portuguesa. Non só contén o maior número de textos, senón que tamén é o único transmisor para case 250 cantigas, ofrece os nomes de moitos dos trobadores e xograres (nas rúbricas atributivas e explicativas), dos que non se tería coñecemento a través de ningún outro testemuño, e atesoura no seu primero caderno o único tratado de poética no que se codifican as regras da lírica galego-portuguesa, a fragmentaria Arte de Trovar.