Cancioneiro da Biblioteca Vaticana
Compilación de cantigas da lírica galego-portuguesa identificada na tradición manuscrita coa sigla V. Do mesmo xeito que o Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B), seguramente sexa unha copia do Livro das cantigas do Conde D. Pedro de Barcelos. Mandouno copiar Angelo Colocci entre os anos 1525 e 1526, como demostran as investigacións de A. Ferrari e E. Gonçalves. O códice entrou na Biblioteca Apostólica Vaticana pouco despois da morte de Colocci (1549) onde figura coa cota Vat. Lat. 4803. Deste manuscrito fíxose unha copia a finais do s XVI ou comezos do XVII, o Cancioneiro da Bancroft Library. Desde a súa descuberta foi obxecto de varias edicións, a descrición e edición diplomática de E. Monaci (1875) ou a facsímile editada en 1973 cunha introdución de L. F. Lindley Cintra. O apógrafo contén varias lagoas e está formado por 210 follas de papel de 300x200 mm, numeradas de 1 a 10, para logo pasar novamente de 1 a 200, ademais de dezaoito folios en branco sen numerar e os folios de garda. Estes folios agrúpanse en once cadernos. Un único copista curial, que emprega a escritura humanística cursiva, encargouse de levar a cabo a copia do cancioneiro, aínda que está presente tamén a man de Colocci, quen escribiu as rúbricas atributivas e as apostilas, moito menos numerosas que en B. As cantigas están escritas en tinta sepia moi corrosiva e aparecen dispostas, polo xeral, en dúas columnas, ás veces nunha soa, e normalmente están divididas en versos. O comezo de cada cantiga sinálase cun espazo en branco e o das distintas estrofas cunha inicial de maior tamaño ca a do resto dos versos. Contén unhas 1200 composicións, contando as cantigas que pertencen á escola trobadoresca e os textos que se introduciron nunha época posterior, ordenadas por xéneros, salvo excepcións debidas á propia organización do antecedente ou da copia. Precisamente, por se tratar dunha copia destinada ao cambio -comparándoa con B-, compróbase que presenta un gran valor como libro e un menor valor filolóxico. Malia todo, este cancioneiro constitúe, despois do seu irmán xemelgo B, o máis completo dos manuscritos que transmiten a produción lírica dos trobadores galego-portugueses.