Cantar de Mio Cid
Poema épico castelán que consta de 3.730 versos anisosilábicos distribuídos en tiradas ou series monorrimas asonantes, cunha certa unidade temática, e divididos por unha pausa interna ou cesura en dous hemistiquios que oscilan entre as 3 e 11 sílabas, sendo os máis frecuentes de 7, 8 e 6 sílabas. Dende unha perspectiva máis poética ca histórica este cantar narra en tres partes (“El destierro”, “Las bodas” e “La afrenta de Corpes”) o derradeiro período da vida de Rodrigo Díaz de Vivar o Cid Campeador (1043-1099), cabaleiro da corte de Sancho II de Castela e Afonso VI de Castela e León que estendeu o dominio castelán ata o Reino de València. A primeira parte narra os sucesos ocorridos tralo desterro ao que foi condenado polo Rei Afonso VI en 1081 por mor dunha falsa acusación de quedar coas parias reais. Na segunda parte o Cid volve a Toledo e, perdoado polo rei, concerta o casamento das súas fillas, Sol e Elvira, cos infantes de Carrión en València. Na terceira parte, de ton máis dramático, as fillas son maltratadas polos infantes e o Cid rétaos e vénceos nun combate. O poema acaba co segundo casamento das fillas do Cid cos infantes de Navarra e Aragón. O argumento, pola súa banda, polarízase en dous temas: o do desterro, centrado na honra pública ou política do Cid ao describir as fazañas que lle permiten recuperar a súa posición social a través do perdón real; e o da afrenta de Corpes, centrado nun asunto familiar ou privado como é o da aldraxe infrinxida ás súas fillas polos infantes de Carrión coa deshonra subseguinte que este vil acto supuña para a persoa do Cid. Ademais das crónicas, estes feitos xa foran tratados antes por historiadores árabes e tamén apareceran en dúas obras latinas, Carmen Campidoctoris e Historia Roderici (1103-1109). O códice conservado asinado por Per Abbat (1307) é unha copia doutro do 1207. Ramón Menéndez Pidal establece a data de redacción cara ao 1140 e deduce a existencia de dous xograres: o primeiro, probablemente de San Esteban de Gormaz, que debeu ver de preto os feitos históricos e concibiu o plano xeral, e o segundo, de Medinaceli, máis tardío, que debeu refundir o poema cara ao 1140 e engadiu os elementos de ficción das dúas últimas partes. Agás algúns calcos da épica francesa, o poema presenta unha evidente orixinalidade formal debido á versificación irregular, unha certa fidelidade histórica non moi habitual no xénero e, sobre todo, por definir un concepto de heroísmo que converte o Cid en arquetipo do espírito castelán, no que se unen sapientia e fortitudo, fortaleza e astucia, pero, sobre todo, mesura. Cun estilo realista e sobrio, amais dunha fonda agudeza psicolóxica, este texto combina elementos dramáticos líricos e narrativos con trazos típicos da oralidade. Foi obxecto de numerosos estudios e investigacións, entre os que destaca a valiosa achega de Ramón Menéndez Pidal, Cantar de Mio Cid (1906-1911), La España del Cid (1956) e En torno al poema del Cid (1963). O poema épico Las mocedades del Cid (prosificado na Crónica de 1344) serve de base aos innumerables romances do Cid e a case toda a produción dramática posterior. O tema tamén está presente no Romancero; no teatro, foi tratado por Juan de la Cueva, Lope de Vega, Guillem de Castro, Corneille, Hartzenbusch, J. Zorrilla e E. Marquina.