Cantar dos Cantares
Libro da Biblia do Antigo Testamento dos cristiáns, que se conserva entre os escritos sapienciais tradicionalmente atribuídos ao Rei Salomón. Consiste nunha colección de oito poemas breves que cantan o amor humano a través do diálogo alternado entre o amado e a amada, un home e unha muller novos que se admiran, se aceptan e, finalmente, se unen, aínda que no texto non hai alusións explícitas á procreación nin aos lazos conxugais. O sentido directo do texto non ofrece ningún indicio de orixe relixiosa, pero interpretouse como unha alegoría do amor de Deus por Israel; posteriormente, para os cristiáns, de Cristo pola súa Igrexa e, desde a época medieval, do amor entre Cristo e a alma. Ademais do sentido alegórico, viuse no Cantar un sentido dramático baseado na forma dialogada de gran parte da obra e tamén unha reminiscencia de cultos pagáns da fertilidade procedentes do Oriente Medio. A obra tivo unha grande influencia na literatura mística cristiá, como por exemplo no Cántico espiritual de san Xoán da Cruz. As investigacións filolóxicas dataron a súa composición nos ss IV ou III a C, desbotando a súa tradicional atribución ao Rei Salomón (970-931 a C), e definírono como unha escolma ou antoloxía da poesía do pobo de Israel.