2 cantar
(< 1 cantar)
-
s
m
Composición cantada, xeralmente breve, e de carácter popular.
Ex: Aquel cantar fíxome lembrar con nostalxia a miña mocidade na aldea.
Sinónimos: canción, cantadela, cantarea, cantiga, cántiga. -
[LIT]
-
s
m
Composición poética formada, normalmente, por unha única estrofa de catro versos de arte menor, especialmente octosílabos, con rima asonante nos pares. Tradicionalmente, inspírase na lírica popular, aínda que tamén se cultivou na poesía galega e española culta dos ss XIX e XX, con autores como Rosalía de Castro ou Manuel Machado.
-
cantar de xesta
Poema narrativo medieval, en lingua románica, centrado en feitos históricos con moitos elementos lendarios. O cantar de xesta xenuíno divulgábano os xograres ambulantes que recitaban ou cantaban ante toda clase de público. Centrábase en momentos gloriosos ou en personaxes famosos do pasado dun país e, deste xeito, convertíase no que se podía chamar historia do pobo, na que tiña cabida a fantasía e a imaxinación. Fronte aos historiadores que escribían en latín, os cantares de xesta pretendían informar emotivamente a unha gran masa. Todo cantar de xesta ten un autor inicial, aínda que unha característica do xénero é a súa evolución de acordo cos cambios de gusto do público. No paso do s XII ao XIII, cando xa estaba o xénero bastante desenvolvido, apareceron escritores de formación literaria culta que adoitaban asinar as súas obras e refundiron os vellos temas. Nesta etapa, o xénero, influído pola novela, converteuse nun tipo de literatura destinado á lectura. Na súa derradeira etapa, os cantares de xesta, xa prosificados, volvéronse semellantes aos libros de aventuras e perduraron, sobre todo entre as clases populares, ata o s XIX, cando comezaron a ser estudiados polos filólogos e publicados como textos clásicos da literatura. Normalmente, entre os acontecementos históricos que se narran e a data do cantar de xesta hai unha gran distancia cronolóxica, feito que provoca unha serie de problemas que suscitan na crítica especializada unha polémica controvertida.
-
s
m
-
[MÚS]
-
cantar de arada
Canto entoado polos labregos cando aran a terra. Normalmente se interrompen coas exclamacións: ei, marelo! ou ei boi, ei!
-
cantar de arrieiro
Canto propio dos arrieiros caracterizado por ter un ritmo lento e monótono.
-
cantar de aninovo
Composición coñecida igualmente como xaneira, anibón e panxoliña que presenta unha estrutura simple executada por rapaces e mozos (nunca mulleres), con acompañamento ou non de instrumentos tradicionais, diante das casas do lugar. Cántase dende o serán de San Silvestre (31 de decembro) ata o mediodía dos Manueis (1 de xaneiro), inda que ás veces pode chegar ata a festa de Reis. Os veciños corresponden cun aguinaldo, en especie ou, modernamente, con diñeiro. Na noite de San Silvestre íase sumando xente á rolda, que remataba na casa máis espaciosa consumindo a colleita e recibindo o aninovo cantando e bailando. As letras son moi variadas, aluden en xeral á data, e nelas deséxalle parabéns á xente. Hainos tamén de escarnio, para os casos nos que non se reciben os aguinaldos esperados. Se estes eran bos, botábase a despedida, copla coa a que se loaba os donos da casa. Hoxe fanse os manueis, unhas cantigas máis urbanas dedicadas ás persoas que levan ese nome e case que todas en castelán. O aludido convida ao grupo a doces e viño.
-
cantar de berce
Canto que ten unha melodía monótona e un ritmo suave, cunha cantilena a xeito de retrouso para provocar o sono e que se emprega para facer durmir os nenos.
-
cantar de canteiros
Canto entoado por persoas que traballan nos labores de erguer pedra, baixo a dirección dun mestre de obras, para lle dar forza e ritmo ao traballo realizado. Caracterízase por conter vocabulario das xergas dos canteiros.
-
cantar de cego
Canto entoado polos cegos en festas e romarías acompañados, normalmente, por un violín ou por unha zanfona. Tamén recibe o nome de romance de cego.
-
cantar de espadelada
Canto entoado polas mulleres cando espadelan o liño, que lles imprime un ritmo regular ao labor facéndoo máis levadeiro.
-
cantar de malla
Canto entoado para lles dar azos aos malladores na eira cando realizan o labor da malla.
-
cantar de pandeiro
Canto acompañado dun pandeiro, típico das romarías e festas. Normalmente, as estrofas destes cantares adoitan levar un retrouso que segue o compás da composición, acompañado polo pandeiro.
-
cantar de arada
Frases feitas
-
Iso é outro cantar. Iso é outra cousa distinta.