caravaggismo
(
Corrente artística da pintura europea do s XVII, influída pola obra de Caravaggio. Os seguidores deste estilo, caracterizados polo emprego do claroscuro, recibiron tamén o nome de tenebristas. En Italia os primeiros en aproveitar as innovacións de Caravaggio foron Orazio Gentileschi (1565?-1640?), Antiveduto Grammatica (1570-1626), Giovanni Battista Caracciolo (1570?-1637), Artemisia Gentileschi (1597?-1651?), Bartolommeo Manfredi (1580?-1601?), Luigi Miradori (?-1657) e Carlo Saraceni (1585?-1620). O seu realismo influíu en pintores académicos como Guido Reni (1575-1642) e Guercino (1591-1666); non obstante, debido á súa ruptura coa tradición clásica, interesou cada vez máis a artistas de tradición non clásica, entre os que destacan o flamengo Louis Finson (1580-1617), os holandeses Gerard Honthorst (1590-1656) e Hendrick Terbrugghen (1588-1619?). En Francia sobresaíron Moïse Valentin (1591?-1634) e Georges de La Tour (1593-1652), dentro da corrente antiacadémica. A influencia fíxose patente en Josep Ribera (1591-1652), que acentuou o naturalismo e dramatizou os temas de Caravaggio. Dentro da liña caravaggista, Velázquez opuxo a súa obxectividade ao manierismo transcendental do Greco, e Rembrandt opuxo a súa concepción da historia como unha experiencia vivida. As naturezas mortas (propias do s XVII) e as pinturas de escenas populares derivan da polémica realista caravaggista, corrente que abandonou o espírito realista e crítico para pasar á representación festiva da vida popular; nesta liña, que fora iniciada en Roma en 1630 por Pieter van Laer, destacou Michelangelo Cerquozzi (1602-1666).