Carolina do Norte

Carolina do Norte

Estado do SL dos EE UU (136.413 km2; 7.425.183 h [estim 1997]). A súa capital é Raleigh. Esténdese desde o Blue Ridge (Montes Apalaches) ata o litoral atlántico e ocupa o Piedmont e a chaira costeira. A súa costa é baixa e areosa, con numerosas lagoas e cordóns litorais. O clima é subtropical, cunha pluviosidade media anual superior aos 1.000 mm e unha temperatura media anual duns 15°C. Drenan o estado os ríos Roanoka, Tar, Neuse e Cape Fear. A cuberta vexetal predominante é o bosque de coníferas. A poboación afroamericana representa case a cuarta parte do total. Charlotte e Greensboro son as cidades máis destacadas. A agricultura e a explotación forestal son importantes fontes de ingresos do estado, o mesmo que a pesca. A industria baséase principalmente na elaboración dos derivados do sector primario. A finais da década dos oitenta Charlotte converteuse nun dos mercados financeiros máis activos dos EE UU. O estado fundouse no 1729, ao ser dividido o territorio de Carolina nas colonias de Carolina do Norte e Carolina do Sur. O 19 de novembro de 1789 ratificou a Constitución dos EE UU e durante a Guerra de Secesión (1861-1865) foi un estado confederado.