Carolina do Sur

Carolina do Sur

Estado do SL dos EE UU (80.582 km2; 3.760.181 h [estim 1997]) A súa capital é Columbia. Distínguense no seu relevo tres zonas: a montañosa ou setentrional, a intermedia e a da costa. As montañas dos Apalaches, ao O, son baixas e prolónganse a través dunha suave inclinación de superficie de bosque ata que se unen coa plana costeira. Atravesan este territorio numerosos ríos, moitos deles navegables, como o Santee, formado polos ríos Saluda, Congaree, Catawba e Wateree. O clima é subtropical húmido, con precipitacións medias anuais superiores aos 1.100 mm e temperaturas medias de 17,6°C en Columbia. O sector primario é o máis desenvolvido da economía do estado grazas á gandería, mentres que e a minería está exclusivamente dedicada á explotación de minerais utilizados na construción. Destacan as industrias de elaboración de fibras téxtiles e de pasta de papel. O cultivo de algodón, en decadencia dende a crise de 1929, comezou a substituírse polo tabaco, a soia e as hortalizas. As cidades máis importantes son Charleston e Columbia. A poboación afroamericana representa case a cuarta parte do total. O estado fundouse en 1729, ao ser dividido o territorio de Carolina nas colonias de Carolina do Norte e Carolina do Sur. Carolina do Sur foi o primeiro estado en separarse da Unión (1860). En 1861, o ataque ao forte Sumter, en Charleston, marcou o inicio da Guerra de Secesión (1861-1865) e en 1868 volveu a integrarse na Unión.