castigo

castigo

(

  1. s m

    Acción e efecto de castigar.

    Sinónimos: punición.
  2. s m
    1. Pena provocada conscientemente co fin de corrixir un comportamento considerado desaxustado e afastado do que se considera normativo.

      Ex: No xuízo saíulle un castigo de dez anos de cárcere.

      Sinónimos: punición.
    2. Escarmento que se lle fai a alguén para que non volva cometer o mesmo acto e lle sirva de exemplo.

      Ex: Púxeronlle un castigo por chegar tarde.

    3. [PEDAG]

      Corrección moral para quen non sabe ou non quere comportarse segundo as normas morais e de convivencia social. Ten, ademais, unha función social ao impoñerlle unha pena -normalizada legalmente- a quen alterou ou actuou contra aquela. A primeira condición do castigo pasa pola xustiza e eficacia do mesmo e, polo tanto, pode ocorrer que o alumno sancionado se afaste do educador por consideralo inxusto. Esta consideración resulta habitual ao estar o castigo intimamente vinculado á imaxe de agresión física, aspecto este que na cultura anglosaxona, por exemplo, chegou a estar regulamentado e mesmo integrado no sistema educativo como un elemento máis do currículo, sobre todo na rede dos tradicionais colexios privados ingleses. J. J. Rousseau foi quen comezou a reflexión crítica sobre os castigos. Segundo as súas propostas deberían substituírse os castigos arbitrarios por castigos naturais, derivados da natureza das cousas, e opoñerse frontalmente aos castigos físicos. Ao longo do s XX foron aparecendo correntes e movementos que contribuíron a clarificar o fenómeno, desde puntos de vista pedagóxicos e psicolóxicos, propugnando a diminución ou a súa desaparición. A pedagoxía renovadora, que acadou unha forte implantación no primeiro terzo do s XX, propoñía un cambio radical da educación e do modelo da escola. Desde a súa óptica, os castigos son humillantes tanto para quen os recibe como para quen os aplica e converten a escola nunha institución represiva. Pola súa parte, a investigación psicanalítica opúxose frontalmente aos castigos ao considerar que existía unha conexión orixinaria entre certas enfermidades nerviosas dos adultos e experiencias de castigo que tiveron lugar na infancia. Por iso se propón a abolición dos castigos en educación ou, cando menos, a limitación a medidas meditadas, baseadas en puntos de vista tanto pedagóxicos como psicolóxicos, que non tivesen consecuencias negativas. A severidade e rigor dun castigo pode especificarse segundo a súa intensidade, duración ou frecuencia. Neste sentido, e desde a psicoloxía da conduta, autores como B. F. Skinner ou R. L. Solomon describiron os efectos xerais do castigo e mesmo as condicións necesarias que deberían concorrer para producirse un cambio condutual. Desde un punto de vista utópico pode afirmarse que, cando un castigo se aplica axeitadamente, a psicoloxía de quen o recibe chega a comprender e a aceptar a corrección imposta. As Ciencias da Educación e a práctica pedagóxica rexeitan calquera modelo de educación que descanse na opresión, a ameaza ou o castigo, e optan por posicionamentos consensuados entre as partes implicadas.

  3. s m

    Persoa ou cousa que causa algún tipo de sufrimento ou molestia.

    Ex: Que castigo de rapaz, non fai máis ca trasnadas!, É un castigo esa grúa da estrada co barullo que fai!

  4. s m

    Emenda ou corrección que se fai nun escrito.

Refráns

  • A besta comedora, pedras na cebada.
  • A besta mala, espora e vara.
  • A burro frouxo, arrieiro tolo que lle malle o lombo.
  • Á curta ou á larga todo se paga.
  • Azóuteme miña nai e non mo saiba meu pai.
  • Ben burro é o que padece por culpas que outro merece.
  • Besta que pouco anda, nunca falta quen a tanga.
  • Cando morre a ovella, paga o pastor coa pelexa.
  • Castigo de dura: unha no cravo e outra na ferradura.
  • Castigo de vella non fai moita mella.
  • Co castigo o bo faise mellor e o malo faise peor.
  • Co castigo o malo faise mellor e o bo fai o peor.
  • Cos escarmentados fanse os avisados.
  • Dálle tres cuneas a quen non che queira o caldo.
  • Dos escarmentados nacen os espabilados.
  • Fana os cochos e págana os bacoriños.
  • Ninguén as faga, que tarde ou cedo se pagan.
  • Ninguén as fai que non as pague máis cedo ou máis tarde.
  • Non fai tanto a zorra nun ano, como paga nunha hora.
  • O que a un fostiga, a un cento castiga.
  • Pau porque remas e pau porque non remas.
  • Pau, se remas; e pau, se non remas.
  • Por culpa do burro mallan na albarda.
  • Porque un burro dea un couce, non se lle ha corta-la pata.
  • Se non houbera castigo no mundo, non andaría ninguén seguro.
  • Xogan os burros e páganas os arrieiros.
  • ¡Bastos son tronfos!
  • ¡Benia o varón que por si se castiga e por outro non!